Luís Bará: “Non se pode xogar coa saúde das persoas e o PP é un goberno sen alma que recorta en sanidade”
- O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra manifestou hoxe o seu compromiso para que O Salnés conte cunha ambulancia medicalizada de forma prioritaria
- Bará destacou a existencia dun informe científico-técnico independente do SEMES que deixa clara a necesidade do servizo
“Non se pode xogar coa saúde das persoas e o PP é un goberno sen alma que aplica recurtes en temas absolutamente fundamentais como son a sanidade, a educación ou os servizos sociais”. Así o manifestou hoxe en Vilagarcía o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, quen subliñou o seu compromiso para que a comarca do Salnés conte cunha ambulancia de soporte vital avanzado de forma prioritaria.
Bará, que participou nunha xuntanza cos técnicos sanitarios e nunha concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía para esixir a ambulancia, subliñou que a demanda desa unidade medicalizada é unha necesidade “máis que xustificada”, tanto polos datos dos propios técnicos do servizo de emerxencias no seu día a día, como por un recente informe da Sociedad Española de Medicina de Emergencias Sanitarias (SEMES).
“Ademais da experiencia dos traballadores que levan insistindo tempo nesta cuestión, temos agora un informe independente, especializado e científico-técnico de SEMES que deixa absolutamente claro que esta demanda é de xustiza e unha necesidade. Por iso cando dicimos que o goberno do PP é un goberno sen alma estamos a falar destas cousas, de que o PP é un alumno avantaxado á hora de aplicar os recortes e de reducir investimentos en temas absolutamente fundamentais para construír unha sociedade igualitaria e unha sociedade mellor”, dixo.
Este informe do SEMES, nas súas conclusións, sinala que a UVI móbil para O Salnés “debería estar dispoñible 24 horas 365 días ao ano, e dotada de persoal experto na asistencia de emerxencias, dependente do 061 de Galicia, con capacidade de resposta en menos de 3 minutos ante calquera emerxencia que ocorra en calquera punto da comarca e que chegue con garantía de éxito nun tempo máximo de 20 minutos”. “Estas reivindicacións do informe do SEMES –lembrou Bará- son bandeira para o BNG dende hai varios anos, xa que estivemos ao lado dos técnicos dende o primeiro día”.
Pola súa banda, a número dous da candidatura do BNG na provincia, Montse Prado, lembrou que a comarca do Salnés, tanto por poboación, por actividade económica, por sinistralidade e por afluencia turística e lúdica non está atendida no ámbito sanitario como debería, xa que o hospital comarcal ten deficiencias, non está dotado de UCI e carece de especialidades como Cardioloxía, entre outras. “A maiores, atopámonos con que só hai ambulancias asistenciais e son claramente insuficientes para unha emerxencia. Cada vez que hai un accidente saltan as alarmas porque o tempo de resposta en moitos casos está moi por riba dos 30 minutos . A o Partido Popular dixémosllo por activa e por pasiva, pero o PP está a xogar coa saúde e coa vida dos veciños e veciñas da comarca do Salnés”, asegurou.
Os responsables nacionalistas destacaron que o BNG leva reclamando a ambulancia de soporte vital básico dende que saíu o concurso de atención das emerxencias extrahospitalarias (do 061) no ano 2014, “atopándonos en todo momento co non do Partido Popular… Un Partido Popular que mentiu, negou a evidencia e que quixo trasladar a idea de que o Salnés estaba ben cuberto.
Os técnicos aportaron datos da OMS e a súa propia experiencia do día a día. No BNG levamos o tema aos concellos e o Parlamento e agora o informe do SEMES ratifica por escrito o que viñamos dicindo nós e os técnicos”, subliñou Prado.
Os dous cabezas de lista do BNG, Bará e Prado, comprometéronse a levar a problemática ao Parlamento e solucionar as carencias de forma “prioritaria” no caso de conseguir os apoios suficientes para entrar no futuro goberno galego.
Pola súa banda, o técnico de emerxencias sanitarias José Manuel Ribadomar García agradeceu o apoio do BNG nas reivindicacións da UVI móbil dende 2014, que foi cando os traballadores comezaron as súas reivindicacións: “nós trasladamos as dificultades que día a día atopabamos no noso traballo, os problemas e as deficiencias na asistencia extrahospitalaria de emerxencias; entendérono e apoiárono dende o primeiro momento porque viron que era necesario”, subliñou. “Non entendemos por que o PP non o viu así”, dixo.