Luís Bará: “Non imos permitir o pelotazo dun vertedoiro encuberto na canteira de Casalonga”
O deputado do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta ao goberno sobre as medidas adoptadas para evitar o vertedoiro de residuos na canteira de Casalonga, nas proximidades de Santiago de Compostela.
Tras agradecer a presenza dos veciños e veciñas na tribuna de convidados do Parlamento galego, o deputado do BNG agradeceu a súa “loita exemplar” contra o vertedoiro de residuos que o PP pretende impoñer en Casalonga.
Luís Bará preguntou ao Vicepresidente Segundo e Conselleiro, Francisco Conde as razóns polas que a empresa de residuos Toysal está interesada en restaurar unha canteira abandonada e pola verdadeira intención da empresa para investir 134.000 euros nas obras. Acaso Toysal, ironizou o nacionalista, pasou de ser unha empresa sancionada por numerosos delitos medioambientais a converterse agora nunha “ONG ambientalista”? Ademais, o deputado tamén se interesou por saber por que a Xunta aprobou un expediente de expropiación de máis dun quilómetro dunha estrada pública para favorecer os intereses de Toysal e que medidas vai adoptar para protexer as pozas naturais e humidais de grande valor ambiental na zona.
Para o deputado, todas estas circunstancias obedecen a que a empresa e a Xunta levan dende o ano 2017 intentando crear en Casalonga “un vertedoiro de residuos”, non unha explotación mineira. A empresa Toyal ten un grave problema tras o peche da planta de Somozas e o vertedoiro de Miramontes e precisa dun lugar para trasladar residuos industriais e de construción e demolición. Despois de tentalo dúas veces, afirmou o deputado do BNG, e dúas veces rexeitado grazas á resposta social de Casalonga agora volven co terceiro intento para crear “un macrovertedoiro”. Por outra parte advertiu, Compostela está ameazada por un círculo de vertedoiros e pretenden, a maiores, implantar este megavertedoiro para soterrar máis de 10 Millóns de Toneladas de residuos industrias. “Un gran pelotazo” no que se poden mover cerca de 50 Millóns de euros na operación.
Neste sentido, o deputado do BNG tamén preguntou se o Goberno galego permitirá o megavertedoiro de residuos industriais contaminantes en Casalonga.
Tras a resposta do Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde na que acusou ao BNG de intoxicar a realidade, o nacionalista replicou que os únicos que intoxican “son vostedes” como ben saben en Miramontes e as parroquia afectadas polos vertedoiros, “canteiras convertidas en vertedoiros de lixo industrial”.
A consellería baixo sospeita por prevaricación ambiental
Bará recalcou que os dous proxectos desestimados responden ás alegación e mobilización social, así como as iniciativas do concello, do BNG e a plataforma de veciños e veciñas contrarios ao vertedoiro de Casalonga. O PP ten varias patacas quentes, dixo, por un lado “falta de transparencia” negando a entrega da documentación solicitada polo BNG e a plataforma e anunciou que de non ser entregada no Parlamento, o BNG irá a consellería a reclamala. Por outro lado, engadiu, a conselleira que vostede dirixe está “baixo sospeita” con varias investigación xudiciais en curso por “prevaricación ambiental” e aínda que se empeñe en recolocar ao anterior director xeral, o proceso xudicial continua e mesmo pode afectar a un deputado do Partido popular, aínda que pola súa condición de aforado polo de agora non está afectado pero “todo chegará”.
Vostedes, afirmou o nacionalista, “son como o raposo coidando o galiñeiro”, patrocinando unha grande operación para converter Casalonga nun gran vertedoiro. Así trata o Partido popular o rural, transformando as canteiras e vertedoiros pero dende o BNG “non llo imos permitir”, concluíu.