Galegas 2016

Luís Bará: “No BNG somos un produto 100% galego: a nosa razón de ser é defender a Galiza”

Acto público en Soutomaior
 
  • “Xa botamos ao PP do castelo de Soutomaior... Imos tamén derrotalos da Xunta de Galicia”, asegurou
  • O cabeza de lista pola provincia de Pontevedra criticou a falta de acordo das forzas de esquerda en Madrid para chegar a un goberno alternativo a Rajoy e dixo que “aquí non vai ser por nós”

“No BNG somos un produto 100% galego: A nosa razón de ser é defender a Galiza”. Así o indicou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións do 25-S, Luís Bará, quen fixo unha sentida defensa do nacionalismo e do seu traballo para o país no mitin celebrado en Arcade ante máis de 250 persoas.

“Sabedes que nos diferencia a nós aos nacionalistas? –preguntou ao auditorio- Nós non vimos... Nós estamos, somos de aquí, levamos toda a vida aquí, porque esa é a nosa razón de ser. Defender a Galiza, traballar polo benestar e o desenvolvemento no noso país, construír un país mellor, con futuro... Iso é o que nos diferencia”, subliñou, para facer referencia á candidata do BNG, Ana Pontón, de quen dixo é unha muller intelixente, con amor polo país, feminista e forte, xa que “que tomou auga de Vilaboa, con forza vital... e xa vimos o resultado no debate”, bromeou.

“Somos nacionalistas galegos. E con moito orgullo, con moita honra. Porque por moito que queiran acabar con nós, non o van conseguir”, destacou, para subliñar unha vitoria: a de rematar cos tempos dos privilexios do PP na provincia: “Xa botamos ao PP do castelo de Soutomaior. Porque os edificios e espazos públicos son públicos, de todos, non a finca privada de ninguén. Xa acabou o tempo dos privilexios (aínda que non queiran enteirarse). Hai un goberno democrático, despois de 80 anos, na Deputación de Pontevedra, e imos tamén derrotalos e botalos do Concello de Soutomaior e da Xunta de Galiza”, sentenzou.

Bará foi moi crítico con todo o resto de partidos e destacou que agora que hai eleccións galegas veñen por aquí os políticos de Madrid: Rajoy, Sánchez, Rivera... Máis subliñou que “os de ‘Desunidos Podemos parece’ que non veñen, non sei... Pero debería darlles vergoña vir aquí despois do lamentable espectáculo que están a dar. Sobre todo as forzas de esquerda coa súa incapacidade para chegar a acordos”, asegurou. “E por se fose pouco, utilizan a Galiza como taboleiro de xogos da política madrileña. Iso é para o que lles interesa o noso país... non teñen vergoña”, asegurou.

Por todo isto, Bará puxo sobre a mesa a alternativa do BNG como referencia para os que están desencantados e fartos, así como para aqueles que están cansos dun goberno do PP. “Nós temos demostrado ser unha alternativa sólida, seria, con convicción e demostrada solvencia. Así se ve nos gobernos nos que estamos, que somos capaces de levar adiante cambios, nos concellos, na Deputación, no seu día no goberno galego. Dende logo, por nós non vai ser que non se chegue a unha alternativa ao goberno do PP”, finalizou.