Luís Bará: “En materia ambiental o PP é atila en Galiza, o goberno da desfeita, desprotección e depredación”
O BNG rexeita a Lei de Patrimonio Natural do PP que supedita o territorio aos intereses económicos dos lobbies forestal, enerxético e mineiro. “É a lei das portas xiratorias e das empresas do IBEX”, sentencia
Non ten recursos, non protexe a biodiversidade nin incrementa a rede natura, maltrata ás entidades ecoloxistas, ignora os humedais e os ríos
“É unha lei mentira que crea un decorado pero sen nada detrás, a lei dun Goberno con pasado escuro, a lei dun Goberno terminator, ou mellor dito, dun goberno exterminador da biodiversidade”, sintetizou o deputado Luís Bará, quen tamén lembrou o incumprimento sistemático do PP da normativa en vigor en materia de preservación ambiental desde 2001. “Foron o Goberno de Atila en Galiza en materia de biodiversidade, o Goberno das tres Ds: desfeita, desprotección e depredación do patrimonio natural”, denunciou.
O Bloque considera que sobran os motivos para rexeitar un texto lexislativo, ao que o Executivo de Feixóo impuxo unha tramitación a fume de carozo vulnerando o regulamento do Parlamento, motivos que o deputado nacionalista sintetizou en dez grandes carencias.
- Porque subordina a protección do patrimonio natural aos intereses económicos, “das empresas do IBEX, das portas xiratorias e das prórrogas en tempo de desconto”, criticou Bará, “porque son os defensores da bio-uniformidade e a única cor verde que lles gusta é a do eucalipto”.
- Falta compromiso orzamentario e non recolle un fondo galego para a defensa do patrimonio natural que permitiría favorecer a biodiversidade, combater os efectos dos lumes ou das especies invasoras.
- Porque menospreza ás entidades conservacionistas.
- Porque non inclúe ningún compromiso de mellora de xestión e ampliación da rede natura.
- Porque, na práctica, supón un veto a novos parques naturais.
- Porque exclúe as rías.
- Porque non presta atención aos humedais, fundamentais para a preservación da biodiversidade.
- Porque non inclúe medidas para recuperar as especies ameazadas.
- Porque non contempla medios para frear as especies invasoras e exóticas.
- “Porque é a lei dun goberno sen rumbo, sen estratexia para preservar o territorio, unha micro lei dunha micro consellería dun Goberno que non cree na preservación do territorio”, concluíu Bará.
Despotismo, rudeza e malos modos
O BNG tamén fixo fincapé no proceso de tramitación imposto polo rodillo do PP, “violentando” o regulamento do Parlamento e as normas de respecto democrático que deben rexer na Cámara, “unha mostra máis do autoritarismo do PP impoñendo unha urxencia inexplicable despois de ter o texto en dique seco durante cinco meses, que mostra a cara autoritaria, déspota, ruda e os malos modos do PP”, denunciou Bará.
O deputado do Bloque foi especialmente crítico co veto do PP á participación social a través das entidades que traballan día a día na defensa do patrimonio territorial, “coherente cun partido que concibe o Parlamento como fortaleza a que só se pode vir a mirar e a calar”, denunciou o nacionalista.
“As presas só obedecen ao intento de maquillar o seu magro balance lexislativo, están na parálise lexislativa e a agora veñen con estas presas que só levan a leis chapuceiras que teñen que emendar aos poucos meses. Só demostra que para o PP a preservación do patrimonio natural e da biodiversidade son cuestións irrelevantes como o é este lei e a propia consellería de Medio Ambiente”, concluíu.