Luís Bará logra un acordo de cara a axilizar as indemnizacións aos afectados polos atascos na AP-9
Tamén consigue o apoio do Parlamento para pedir a AUDASA que levante as barreiras en caso de retencións que causen prexuízos ás usuarias e usuarios
Santiago de Compostela, 24 de Xaneiro 2019.- O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, logrou o consenso do Parlamento para que o Goberno da Xunta se dirixa ao Ministerio de Fomento e a AUDASA “de cara a establecer un procedemento áxil e sinxelo” para tramitar as reclamacións ante a concesionaria da AP9 a aquelas persoas usuarias que se viran afectadas polas retencións causas polas obras de ampliación da Ponte de Rande.
O BNG formulou esta proposta a raíz da demanda colectiva presentada pola Fiscalía de Pontevedra ante as reiteradas queixas de condutores e condutoras atrapados polas retencións durante horas pero que, igualmente, foron obrigadas a pagar integramente unhas peaxes que xa son de por si unha estafa legalizada.
Segundo as información que fixo públicas a Fiscalía, lembrou Bará, a reclamación refírese ao período comprendido entre marzo de 2015 e maio de 2018, durante o cal e segundo os datos da concesionaria, pasaron pola Ponte de Rande 58 millóns de vehículos.
“Dado o longo período de tempo transcorrido, non parece procedente que se esixa presentar o xustificante do pagamento da peaxe para poder facer a reclamación, polo que se deberían estudar outros medios como os rexistros da concesionaria dos vehículos que pasaron a peaxe nos períodos de tempo en que se produciron retencións”, alegou Bará, para xustificar a petición do Bloque de esixir a AUDASA un sistema áxil e sinxelo que facilite a reclamación ás persoas usuarias.
O acordo logrado na Comisión parlamentaria de Infraestruturas tamén demanda ao Executivo central un protocolo que obrigue a levantar as barreiras das peaxes “cando se produzan retencións que causen prexuízos de perda de tempo e diñeiro ás persoas usuarias das autoestradas”, explicou o deputado nacionalista na súa comparecencia.