Luís Bará: “O Goberno galego está sendo vapuleado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por violentar a normativa medioambiental”
A través dunha pregunta ao goberno sobre as sentenzas xudiciais contrarias ao desenvolvemento eólico promovido pola Xunta de Galiza, o deputado do BNG, Luís Bará afirmou que o “Goberno galego está sendo vapuleado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por violentar a normativa medioambiental”.
Na súa intervención explicou que as sentenzas constatan “a redución dos prazos a metade na tramitación dos parques eólicos” e que esta circunstancia representa “unha vulneración do dereito medioambiental” e polo tanto “unha ilegalidade.
No caso da Serra do Oribio, a sentenza é firme e confirma “unha agresión na Rede Natura” e preguntou á Xunta cando cumprirá esta sentenza e se está disposta a reparar o dano causado. Ademais, tamén preguntou como a Xunta pode seguir presumindo de seguridade xurídica cando está caendo “este chaparrón xudicial” e cando as empresas están reclamando responsabilidades patrimoniais.
As resolucións xudiciais, engadiu Bará, “acumúlanse por actividades ilegais”. Esta caendo un verdadeiro chaparrón xudicial contra o “boom eólico depredador da Xunta do Partido popular porque é todo menos “ordenado e garantista”. A xuízo do deputado, é máis ben todo o contrario, “caótico, improvisado e ilegal” e isto, recalcou non o di o BNG, o di o TSXG.
O deputado incidiu en que os proxectos eólicos suspendidos polo Tribunal Superior de Xustiza pertencen, a Greenalia empresa que facilita ao Partido popular “as portas xiratorias” para colocar a exmembros do goberno como a exconselleira, Beatriz Mato.
Os últimos proxectos, motivo de resolución xudicial, están vinculados ao grupo Geenalia e situados, en Coristanco, Santa Comba e Carballo, e os proxecto de Campelo, Bustelo e Toural son “ilegais” porque non cumpriron os prazos legais de información pública, non someteron os informes a información pública e porque se produciu unha “fragmentación ilegal dun proxecto en tres” para evitar unha avaliación ambiental conxunta.
O deputado exixiu á conselleira de Industria que “asuma as súas responsabilidades e paren definitivamente o boom eólico depredador da Xunta de Galiza”