Luís Bará garante que o goberno do BNG na Xunta renovará integralmente Pazos Fontenla en Bueu e mellorará a rede de estradas autonómicas no Morrazo
A renovación integral de Pazos Fontenla da man do Concello de Bueu e a mellora da rede de estradas autonómicas no Morrazo foron dous dos compromisos que o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, garantiu para cando o Bloque chegue á Presidencia da Xunta de Galiza despois das eleccións do 18F.
O número un do cartel nacionalista por Pontevedra subliñou a necesidade de atender as peticións municipais dende o goberno galego e de deixar de discriminar á veciñanza de Bueu levando adiante a mellora urbana dunha vía de titularidade autonómica fundamental no concello como é a rúa Pazos Fontenla. Insistiu en que o treito da PO-315 que pasa polo núcleo da vila precisa unha actuación de humanización e tamén servizos, salientando os problemas que xorden cos asolagamentos nas épocas de moita chuvia.
Destacou tamén que o BNG dende o goberno galego fará unha renovación total das estradas dependentes da Xunta en toda a comarca, salientando que o estado das beirarrúas e das calzadas é “calamitoso”, con lousas hidráulicas de hai máis de 30 anos, provocando situacións de inseguridade viaria tanto para as persoas como para os vehículos.
Tamén fixo Bará percorrido polas necesidades nos centros de ensino do municipio, equipamentos que precisan de actualizacións inminentes, polas compensacións para Bueu por actuacións que realiza nos terreos de Portos –xa que non hai retorno das taxas cobradas-, pola necesidade de vivenda pública, e pola construción dun aparcamento disuasorio na saída da VG 4.6, entre outras cuestións que, dixo, serán escoitadas dende o novo goberno galego co BNG á fronte.
Ademais destas cuestións en chave local, Bará destacou que Galiza precisa un cambio de rumbo ante os 15 anos de desleixo do Partido Popular. Subliñou que o país está ás portas dun “cambio histórico” que require un programa de goberno ambicioso como o do BNG, que vai poñer en valor todo o potencial de Galiza con proxectos estratéxicos e transformadores para desenvolver o mellor futuro para as galegas e os galegos.
Salientou que “estamos nun momento decisivo porque estas son as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos, porque hai unha corrente de cambio imparable arredor do BNG, e porque podemos facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha muller na presidencia coas mans libres para defender os intereses deste país ”.
Lembrou que todas as enquisas amosan tendencias claras, que o BNG está á alza e que o PP está en caída., e insistiu en que o cambio será posible se se dan dúas premisas: unha grande mobilización da xente que está convencida da necesidade de sacar ao PP do goberno, e a concentración do voto no BNG, “a única opción en disposición de disputar a presidencia ao Partido Popular”.
Pola súa banda, o tamén candidato do Morrazo Paulo Ríos ‘Kai’, sinalou na súa intervención que o Bloque “fará historia o vindeiro 18F ao chegar á Xunta e o PP será historia”. Fixo fincapé en que o Bloque reverterá os recortes en Atención Primaria, apostará polas potencialidades do país, recuperará o sector industrial e produtivo e permitirá que a mocidade non teña que emigrar a milleiros por falta de oportunidades. “Faremos historia recuperando para o público o sector dos coidados, para que ninguén volva facer negocio coa vellez nin coa dependencia”, comprometeu.
Finalmente, Félix Juncal defendeu que o Bloque ten para Galiza un proxecto transformador centrado en persoas e as súas necesidades, con prioridades diferentes ás do Partido Popular “que ou non quixo ou non puido mellorar o país”. Destacou que para que ese proxecto con políticas diferentes vaia adiante son precisas persoas que se comprometan, destacando que “a mellor persoa será Ana Pontón, con valía, ben valorada e con credibilidade, quen como xefa da oposición coñece realidade do país”.
Falou Juncal das prioridades do BNG como a vivenda pública, a aposta polos sectores produtivos ou a saúde e salientou que “a realidade é que o PP non é capaz de resolver e atender os proxectos máis básicos”. Por iso, chamou a toda a veciñanza que confiou no BNG no 2007 en Bueu para levar adiante políticas transformadoras, a que tamén confíe en Ana Pontón.