Luís Bará garante “o compromiso firme do BNG” de impulsar dende a Xunta a dragaxe e rexeneración do fondo da ría de Pontevedra
O cabeza de lista avoga por levar adiante unha proposta consensuada co sector pesqueiro e marisqueiro
Propón o tratamento dos lodos en plantas especializadas en lugar de trasladalos ás inmediacións de Sálvora: “O mar non é un vertedoiro que todo o sostén”
“Estamos nun novo tempo no que o mar, os ríos, as rías, os humedais... son seguros de vida colectivos, son tamén escudos protectores e temos que coidalos, mimalos e non convertelos en vertedoiros de residuos”. Así o indicou hoxe, aos pés do Clube Náutico de Pontevedra, o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, quen garantiu o “compromiso firme” da forza nacionalista para impulsar dende a Xunta a dragaxe do Lérez e a rexeneración do fondo da ría de Pontevedra e executala na próxima lexislatura.
Acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo, das concelleiras Anabel Gulías e Demetrio Gómez Xunqueira, e doutros cargos orgánicos e institucionais, Bará destacou que é preciso “sacar do caixón” o anteproxecto que se leva tramitando dende hai nove anos. Bará subliñou o desleixo e inoperancia do Partido Popular neste tema, que demostrou que non tivo ningunha vontade de levalo adiante “a pesar das reiteradas promesas electorais en cada convocatoria nos últimos oito anos”, criticou.
Segundo Bará a dragaxe e rexeneración da ría é un proxecto fundamental para conseguir dous obxectivos. En primeiro lugar para recuperar a actividade produtiva no treito final do río dende As Corbaceiras ata as inmediacións de Tambo, “unha zona que tiña unha altísima produtividade marisqueira e que sufriu unha perda de moitísimos postos de traballo que se poderían recuperar con esta actuación”. En segundo lugar, Bará citou o obxectivo de facilitar a navegabilidade do río e tamén a operatividade do porto deportivo de Pontevedra, que agora está moi limitada.
“Quérese dende o BNG de levar adiante unha proposta consensuada co sector pesqueiro e marisqueiro da ría”, dixo o candidatto, rexeitando o traslado dos lodos potencialmente contaminantes á foxa situada nas inmediacións da illa de Sálvora, no parque das Illas Atlánticas, tal como pretendía o PP. Pola contra, explicou que “no BNG avogamos pola retirada a terra e o tratamento en plantas especializadas deses lodos, que non deben verterse no mar. O mar non é un vertedoiro que o sostén e o aguanta todo como foi a política equivocada nas últimas décadas. Estamos nun novo tempo no que o mar, os ríos, as rías, os humedais son seguros de vida colectivos, son tamén escudos protectores e temos que coidalos, mimalos e non convertelos en vertedoiros de residuos”, insistiu.
Subliñou que Fronte ao abandono do río por parte do Goberno do PP, un goberno do BNG colaborará co sector marisqueiro e pesqueiro da ría, e cos concellos, nomeadamente co concello de Pontevedra para facer realidade este proxecto que debía estar culminado hai moito tempo.