Luís Bará: “Galiza ten que tomar os mandos do seu sector pesqueiro”
- O candidato do BNG criticou a redución da flota galega polas decisións de Madrid e Bruxelas e avogou por recuperar un modelo de reparto xusto de cotas
- “É precisa unha política exterior galega que impida que Galiza sexa moeda de cambio nos tratados da UE con terceiros países”
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe na súa visita ás instalacións de Frigoríficos do Morrazo en Cangas que é preciso que “Galiza tome os mandos do seu sector pesqueiro”. Bará subliñou que é fundamental defender os intereses dun sector básico e punteiro da economía Galega que “foi abandonado” polo goberno Feijóo.
“O goberno do PP veu consentindo, sendo colaborador necesario de medidas marcadas pola UE que foron traspostas sen ter en conta as particularidades da pesca en Galiza, e que provocaron o despezamento de barcos e a merma da actividade pesqueira galega en caladoiros de todo o mundo”, dixo Bará, que asegurou que o problema de fondo só se solucionará cando o país poida decidir de maneira soberana sobreo seu mar.
“A capacidade de xerar músculo para facer forza de país é agora pequena porque a situacion de partida é de debilidade ao no ter declarado a Galiza territorio especialmente dependente da pesca”, sinalou o candidato, que subliñou que se debo BNG aposta por poñer en marcha medidas inmediatas para mudar a actual situación.
O cabeza de lista por Pontevedra subliñou a necesidade dunha política exterior galega sobre a pesca que impida que Galiza sexa moeda de cambio nos tratados da UE con terceiros países, como ocorreu cos acordos con Mauritania ou Marrocos. Así mesmo, puxo sobre a mesa a necesidade de recuperar un modelo de reparto xusto de cotas establecendo unha cota galega de acordo co número de embarcacións e empregos que permitan o mantemento de actividade.
Por outra banda, Bará defendeu unha mellora da comercialización que poña en valor as marcas propias e a aposta polo valor engadido do sector frigorífico, elaborador ou conserveiro. Non deixou atrás a necesidade de desenvolver a investigación e a innovación, que potenciaría un sector galego que tradicionalmente foi punteiro en todo o mundo.
Os membros de Frigoríficos do Morrazo trasladaron a Bará, pola súa banda, a súa preocupación pola estrutura de traballo que a día de hoxe existe na Secretaría de Pesca do Estado, que adica o 80% dos seus medios ao control e só o 20% á xestión e mellora do sector. Subliñaron, ademais, que as autoridades da UE mostran un “intento claro e espúreo” de redución da flota galega poñendo en marcha medidas de control de caladeiros que favorecen a concentración no sector. O nacionalista, ante esta situación, manifestou o compromiso do BNG por defender os intereses de Galiza no ámbito pesqueiro en todas as institucións nas que estea presente tanto no goberno como na oposición.
Así mesmo, no seu encontro con representantes de Frigoríficos do Morrazo, Bará louvou o traballo da empresa e a súa continua reinversión no país para resultar competitiva. Tamén destacou a estratexia empresarial de patrocinios a entidades deportivas e a aposta pola cultura do país coa participación na Semana de Teatro do Morrazo, entre outros eventos.