Luís Bará: “Galiza precisa unha fiscalidade propia que permita atender a sanidade e os servizos públicos”
- O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra manifestou hoxe que é preciso frear o proceso de deterioro e redución do gasto público do PP
- Subliñou que en Pontevedra, a diferenza de en Vigo, freouse a construción dun hospital de xestión privada grazas á presión social e política do BNG
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas, Luís Bará, asegurou hoxe que “Galiza precisa dunha fiscalidade propia que permita atender a sanidade e a prestación dos servizos públicos do país”. O nacionalista explicou que o BNG pretende frear o proceso de deterioro e de redución do gasto público en sanidade e en servizos públicos esenciais que levou adiante o Partido Popular, así como en reverter a política que quere poñer en mans privadas a xestión de grandes partes da sanidade pública logo de deteriorala: “Quérennos dicir que é mellor facer unha xestión privada da sanidade, e nós dicimos que sempre é mellor a xestión pública, porque é máis barata e eficaz”, subliñou.
Bará defendeu que é fundamental para o país ter un sistema fiscal máis avanzado e propio que permita obter máis ingresos para, así, garantir a prestación dos servicios básicos aos galegos e ás galegas. “Se non temos máis ingresos non podermos dar resposta ás nosas necesidades. Non se poden facer milagres de repente, por iso son necesarios cambios estruturais que permitan que Galiza teña capacidade de influencia. É fundamental pelexar por un sistema máis xusto para o noso país. Non é tempo de servilismo, é tempo de plantar cara e deseñar unha política fiscal acorde coas necesidades dos galegos e das galegas”, subliñou o candidato.
“Galiza ten necesidades propias, e debemos ter un financiamento acaído tanto para sanidade, educación, servizos sociais ou dependencia e, para iso, precisamos ter fontes de financiamento que permitan apoiar estes sectores e ter un país máis produtivo, activo e que xere recursos e emprego”, insistiu. O candidato asegurou, neste sentido, que só facendo que Galiza recadase o imposto de sociedades engrosaría en 3.000 millóns os orzamentos do país.
En materia de privatizacións, Bará puxo o exemplo do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que a Xunta de Galicia vai investir máis de 1.200 millóns deixando os beneficios na man dunha empresa privada. Pola contra, subliñou que en Pontevedra foi posible non aplicar ese modelo de xestión privada e conseguir a ampliación de Montecelo grazas á presión social e política “co BNG á fronte”, que non deu facilidades ao goberno de Feijóo.
Pola súa banda, a candidata e parlamentaria portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, afondou nas palabras de Bará e destacou que o PP plantexou a Sanidade como “un nicho de negocio”. Subliñou, así mesmo, que nos últimos anos levouse adiante unha “demolición planificada” do sistema galego de saúde para que os cidadáns acudan á sanidade privada ao ver o deterioro do servizo público.
Prado destacou a necesidade de realizar unha auditoría da situación da sanidade galega para reverter as privatizacións e pasar a unha xestión enteiramente pública que poña en valor os hospitais de todo o país. “É fundamental facer unha xestión con transparencia das listas de espera, así como un plan de Recursos Humanos transparente e negociado cos profesionais”, engadiu.