Luís Bará: “Galiza precisa dunha lei do viño que atenda as potencialidades da nos vitivinicultura”
- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra destacou o traballo das adegas artesanais e apostou por un goberno galego que potencie o rural
- Sinalou as peonalizacións como ferramenta de mellora e dinamización dos contornos comerciais locais
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, avogou hoxe en As Neves pola elaboración dunha Lei do Viño en Galiza que considere as potencialidades da vitivinicultura galega. Segundo asegurou, é fundamental que o goberno galego apoie os investimentos nos procesos de industrialización, especialmente nas pequenas adegas, financie medidas de reconversión e reestruturación da viña e impulse medidas específicas dentro do Banco de Terras para fomentar o arrendamento a longo prazo de superficies de cultivo de vide.
Bará realizou estas declaracións durante á visita á adega artesanal Abadía de Tortoreos en As Neves, que produce entre 20.000 e 30.000 litros anuais cunha xestión familiar e exporta a lugares tan diferentes como a República Checa ou Colorado (EEUU). O cabeza de lista do Bloque louvou o traballo da adega e asegurou que demostra que Galiza ten capacidade para sacar adiante proxectos solventes: “Que sería posible de ter un goberno que apoiase o noso sector primario? –preguntouse- Pois sería posible unha Galiza que desenvolvese as súas potencialidades, sería posible poñer o país a producir para sacalo do estancamento”.
O candidato lembrou que é fundamental que o futuro goberno galego mire para o rural e reconduza o retroceso da situación do sector primario que produciu o Partido Popular nos últimos anos. “As consecuencias destas políticas traducíronse nunha peor calidade de vida das persoas que viven do medio rural, por iso o noso obxectivo é reverter esa situación: considerar o medio rural un sector estratéxico chave na recuperación económica e redimensionalo baixo criterios de eficiencia e sustentabilidade”, asegurou.
Neste sentido, Bará puxo sobre a mesa que non é suficiente con que as forzas políticas saiban o que queren facer co país, senón tamén demostrar que hai capacidade para facelo. “O BNG é garantía de solvencia, de seriedade e de saber facer, e así o demostra nos concellos nos que está a gobernar, tanto en As Neves, Ponteareas, Pontevedra... como nas deputacións, e no seu momento no goberno galego. É hora da valentía e de plantar cara a aqueles que non nos deixan desenvolvernos como país”, subliñou.
Bará, que estivo acompañado na visita a As Neves polo alcalde, desprazouse despois ata Ponteareas, onde percorreu os postos da X Feira Tradicional e camiñou polas rúas do centro para interesarse pola situación do comercio local. Alí manifestou o apoio do BNG ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras, a aposta por axudas á implantación de establecementos que comercialicen produtos autóctonos e de produción ecolóxica, e coñeceu iniciativas empresariais da zona como a cerveza Curuxa ou aos produtores de mirabeis Alén do Val.
O nacionalista tamén sinalou a aposta do BNG polos centros comerciais abertos como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos e subliñou a necesidade de recuperar e fomentar os mercados municipais e zonas comerciais e as súas contornas, incluíndo a peonalización de espazos. Neste sentido, subliñou que a pesares de que nun primeiro momento o comercio local pode ser reticente a esas medidas despois é consciente dos seus beneficios. “Ese proceso ocorre sempre e os comerciantes acaban pedindo máis espazos peonalizados, como xa ocorreu en Pontevedra”, asegurou.