Luís Bará: “Galiza precisa alternativas solventes e o BNG é garantía de experiencia e saber facer”
- O candidato do BNG criticou durante a pegada de carteis ás forzas que “din querer derrotar ao PP en Madrid, pero que fan pinza con el en Pontevedra contra o noso modelo de cidade”
- O nacionalista pediu o voto para o BNG por ter un proxecto claro para o país
“Galiza precisa alternativas solventes e o BNG é garantía de experiencia e saber facer”. Así o asegurou hoxe o candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, durante a pegada de carteis que marca o inicio da campaña electoral. O nacionalista subliñou que os gobernos liderados pola súa formación á fronte de moitos concellos do país, así como a súa experiencia nas deputacións e anteriores gobernos galegos, son a demostración de que o BNG ten un proxecto claro para o país, serio e solvente.
“É o tempo da experiencia e da valentía para plantar cara aos problemas con determinación”, asegurou, “de construír un país novo que teña nas súas mans as ferramentas para medrar e ter futuro”. Segundo Bará, Galiza estas eleccións son un grande desafío, polo que asegurou que o BNG debe ser a referencia daqueles que lle queren ao país para votar o vindeiro 25-S.
Bará volveu insistir en que non é momento de “improvisacións e experimentos” en relación a outras ‘novas forzas’ cuxos gobernos nas cidades xeraron, ao seu entender, “frustración, malestar e desencanto”. “Nestes últimos meses pasaron moitas cousas e os cidadáns poden valorar para escoller e buscar alternativas máis solventes. O BNG pode ser a opción desas persoas”, salientou.
“A nosa é unha proposta seria para cambiar o rumbo do país e deixar atrás o pasado e declive que vivimos con este goberno sen alma que non cre nas potencialidades de Galiza, un goberno submiso e servil que non se impón ás decisións de fóra por moi daniñas que sexan para o país”, finalizou Bará.