Luís Bará: “Galiza precisa unha alianza estratéxica entre a investigación e a acuicultura”
- O candidato subliñou a aposta do BNG por fomentar a investigación e o coñecemento para tirar o máximo rendemento dos sectores produtivos “nos que o país pode medrar como potencia”
- O nacionalista visitou hoxe en Bueu a depuradora e o laboratorio da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Cabo de Cruz
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe na súa visita ao laboratorio e á depuradora da Asociación de Produtores Mexilloeiros Cabo de Cruz en Bueu que “é precisa unha alianza estratéxica entre a investigación e a acuicultura”. Bará destacou que a investigación, o coñecemento e a implicación das universidades é fundamental para que os sectores produtivos do país alcancen o seu máximo rendemento, por iso destacou a aposta do BNG por potenciar o I+D+i e aplicalo naqueles sectores nos que Galiza pode medrar como potencia.
Bará realizou estas declaracións logo de coñecer in situ o traballo de ASMECRUZ, que actualmente conta con 116 asociados e un total de 154 bateas e ten como fundamento adaptarse e renovarse de forma contínua para afrontar os cambios que esixe a produción e comercialización do mexillón sendo referencia co seu modelo de xestión. A asociación emprega a día de hoxe os últimos avances científicos no cultivo, extracción e comercialización do mexillón logo de poñer en marcha no ano 2012 un laboratorio de microbioloxía aplicada que realiza traballos de detección e análises de seguridade alimentaria.
O cabeza de lista destacou que Galiza precisa tamén centros de investigación públicos que realicen labores de prevención e detección das causas das mareas, de avances na eliminación das toxinas por vías naturais ou dos aproveitamentos que se poidan facer, por exemplo, dos residuos da acuicultura como bioprodutos sanitarios. “Todo isto estase a facer nun laboratorio de Bueu que é referencia clara no sector en toda a Galiza despois de que a Xunta desmantelase os laboratorios de saúde pública”, subliñou Bará, para engadir que o PP tamén tumbou o plan de investigación Incide posto en marcha polo bipartito facendo marchar ao estranxeiro a moitos dos seus integrantes. “É preciso que o goberno galego coide e aproveite o seu talento, porque aquí hai saber facer e hai que poñer as políticas públicas ao servizo dos nosos sectores e da nosa xente”, insistiu.
Na planta de depuración de Bueu, Bará tamén destacou o traballo de Cabo de Cruz e salientou que, se ben realmente o feito diferencial da asociación é a súa aposta pola investigación e innovación, “tamén o é o feito de agruparse, compartir medios e recursos para facerse fortes no mercado e dar un salto cualitativo ao ser verdadeiros operadores comerciais, completando así o ciclo produtivo e incrementando o valor do seu produto”.
A día de hoxe a planta de depuración de Bueu é capaz de procesar 147 toneladas de produto en apenas 15 horas. Cabo de Cruz ten unha facturación de 13 millóns anuais (fronte aos 6 do ano 2008) e leva os seus mexillóns en tanto ao mercado interior español como a Italia e Francia, estando inmersos nunha continúa fase de expansión internacional e de apertura de novos mercados.
Bará estivo acompañado na súa visita a Cabo de Cruz en Bueu pola tamén candidata Silvia Carballo; polo alcalde Félix Juncal; así como por outros representantes orgánicos e institucionais do BNG na comarca do Morrazo.