parlamento galego

Luis Bará denuncia a fichaxe do ex director do Igape por BDO como un novo “caso escandaloso de portas xiratorias”

Luís Bará

O BNG reclama á Xunta que revogue a autorización a Fernando Guldrís porque tivo unha relación estreita e continua coa multinacional sendo alto cargo

“Está claro que o PP non distingue entre o público e o privado, e iso explica algunhas decisións que favorecen de maneira descarada a grandes firmas”

O deputado do BNG Luís Bará vén de denunciar a fichaxe do ex director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) Fernando Guldrís pola multinacional BDO como “un novo caso escandaloso de portas xiratorias na Xunta”. “É escandaloso mesmo para os baixos estándares éticos e estéticos” do PP, asegurou.

Fernando Guldrís foi director xeral do Igape entre 2020 e 2023, cargo no que cesou en xuño do ano pasado logo da remodelación provocada pola marcha a Madrid de Francisco Conde o e desembarco do equipo de María Jesús Lorenzana, e tan só catro meses despois ficha pola delegación galega de BDO, multinacional que en Galiza saltou ao primeiro plano da actualidade polo proceso xudicial no que se viu implicada como auditora de Pescanova, explicou Bará.

Nunha rolda de prensa, Bará subliñou que Guldrís mantivo como alto cargo unha “relación estreita e continuada” con BDO Auditores, pois foi tamén director financeiro (2016-2018) e director xeral (2018-2020) de Xesgalicia, apoderado e conselleiro de Sodiga (sociedade de capital risco) e de empresas da Xunta como Galicia Innova Tech e Galicia Iniciativa Emprendedoras. Foi, así mesmo, apoderado da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa).

Durante os seus anos como alto cargo, Xesgalicia contratou con BDO a auditoría das súas contas anuais (2021, 2022 e 2023) por 98.000 euros (+IVE), ademais de auditorías en Xesgalicia, Innova Tech, Galicia Iniciativas Emprendedoras, Sodiga ou Adiante 2000. En 2020 a multinacional foi contratada para o servizo de apoio a procesos de estudo de investimentos (115.000 euros), segundo explicou Bará.

Para o BNG, o caso de Guldrís supón unha “vulneración clara da lei”, pois segundo a Lei de Transparencia e Bo Goberno durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento os altos cargos non poden realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolucións no exercicio do seu cargo.

É por iso que o BNG vai pedir ao Goberno do PP explicacións e a revogación da autorización que permite a Guldrís traballar para BDO na “procura de clientes privados para a prestación de servizos diversos relacionados coa área de consultaría financeira Financial Advisory na multinacional.

A formación nacionalista reclamará ademais no Parlamento toda a documentación deste expediente tanto á Consellería de Industria como á de Facenda, pois entende que Guldrís manexa “información privilexiada” derivada da súa actividade como cargo público e a súa fichaxe por BDO supón ademais “competencia desleal” con outras empresas do mesmo sector.

“No BNG entendemos que os cargos públicos teñen dereito a traballar no ámbito privado”, matizou Bará, referíndose neste punto ao caso de Rubén Aguión, ex director xeral de Xesgalicia que vén de ser contratado como director de planificación financeira da empresa Denodo. A formación nacionalista reclamará tamén información sobre a autorización a Aguión, mais “o caso de Fernando Guldrís é diferente, escandaloso mesmo para os baixos estándares éticos e estéticos” do PP, agregou.

“Está claro que o PP non distingue entre o público e o privado”, subliñou Bará, para quen hai “un transvase natural xiratorio” cada vez máis evidente, pois ao de Guldrís súmanse casos anteriores como o da ex conselleira Beatriz Mato en Greenalia, “que pasou pola pasarela xiratoria do Consello da Xunta ao consello de administración de Greenalia” sen que transcorresen os dous anos pertinentes, ou o dos tamén ex conselleiros Antonio Couceiro (Greenalia), Carlos del Álamo (Ence) o Marta Fernández Currás (Ernest & Young)

“As grandes empresas teñen un asento no Consello da Xunta e viceversa, e que hai unha absoluta conivencia e complicidade que explica moitas decisións por parte do Goberno do PP que favorecendo maneira escandalosa e descarada ás grandes empresas”, concluíu o deputado nacionalista.