Luís Bará defende dar continuidade ao Marisquiño extremando as medidas de seguridade
Reclama mellorar a Lei de Espectáculos para determinar o tipo de evento e documentación necesaria na súa realización
Critica a falta de colaboración do Concello de Vigo e Portos do Estado por non facilitar a documentación requerida pola Comisión parlamentaria
O deputado do BNG, Luís Bará reclamou hoxe no Parlamento galego dar continuidade ao Marisquiño, “extremando as medidas de seguridade”.
Tras a comparecencia do Vicepresidente da Xunta na comisión de investigación do Marisquiño, solicitada polo BNG e En Marea, o deputado nacionalista asegurou que as afirmacións de Alfonso Rueda evidencian as eivas no ámbito das actividades recreativas. Hai normas e leis, dixo, que “non se interpretan ben nin son presentados os expedientes administrativos rigorosamente”. Hoxe temos a obriga de investigar as causas do sinistro do Marisquiño pero sobre todo, de “corrixir o que está funcionando mal”
O deputado xustificou a comisión de investigación parlamentaria porque as vítimas sentíronse “moi desamparadas”, tanto no ámbito psicolóxico como xurídico como reflicten as denuncias contra o concello de Vigo e o resto das administracións implicadas.
Neste sentido, propuxo “un protocolo” que obrigue ás institucións a priorizar ás vítimas porque asegurou, “seguen tendo secuelas psicolóxicas que hai que atender” ao que sumou “apoio xurídico”, cuestións, dixo, foron asumidas por unha federación veciñal cando en realidade era obriga da Xunta de Galiza e do concello de Vigo.
Bará insistiu na necesidade de mellorar a Lei de Emerxencias e mobilizar todos os recursos en prevencións ante sucesos semellantes ao Marisquiño ou de futuras situacións provocadas polos incendios.
Ademais, reclamou un informe da Comisión de Espectáculos sobre o desenvolvemento da lei, a necesidade de complementala e mellorala, así como dos criterios de aplicación por parte dos concellos revisando o Catálogo de Espectáculos e aprobar o Manual de xestión de calidade dos festivais de Galiza, que na actualidade continua en fase de elaboración.
Para ao deputado, tanto no Marisquiño como outros grandes sinistros puxeron de manifesto fallos na mobilización e coordinación de medios, principalmente ambulancias, e a falta de equipos de persoal sanitario dos PACs. “No momento do accidente non estaba en vigor o Plan de Atención en Incidentes de Múltiples Vítimas da EOXI de Vigo polo que resulta aconsellabel mellorar a formación do persoal sanitario e de emerxencias para a actuación en catástrofes”.
Especialmente grave é a falta de actualización e activación do Plan de Emerxencias Municipal de Vigo (PEMU) e do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA), engadiu.
Da documentación recibida na comisión dedúcese o incumprimento, por parte do concello de Vigo, da obriga de conservación e mantemento do espazo público onde se desenvolveu o evento, Paseo das Avenidas. Así como a inexistencia da obriga legal de realizar inspeccións periódicas de infraestruturas como as portuarias.
POLA CONTINUIDADE DO FESTIVAL O MARISQUIÑO EN VIGO
Consideramos “imprescindíbel” un grande acordo institucional para garantir a continuidade do Festival en Vigo, co compromiso de financiamento público e as máximas garantías na súa organización cumprindo a normativa e nun espazo seguro. “É a mellor homenaxe que lle podemos render ás vítimas”, concluíu, o nacionalista.