Luís Bará critica o paso atrás do PP en materia de transferencias tras o acordo do Parlamento
Atribúe a rectificación a competencia electoral coa extrema dereita
O BNG non logrou que o Goberno de do PP explicase en comisión parlamentaria a súa axenda en materia de reclamación de transferencia de competencias ao Executivo central, tal e como pregunta o deputado por Pontevedra, Luís Bará, despois da sonada rectificación de Feixóo neste asunto.
Bará lembrou o acordo unánime da Cámara, en base a unha proposta do Bloque, para reclamar para Galiza “o máximo teito competencial”, como xa teñen Euskadi e Catalunya, e atribúe a autoemenda do PP a involución que ven da man dunha dereita que compite por ver quen é máis españolista.
“Poucos días despois dese acordo o PP retractouse e dixo todo o contrario, non é raro tendo en conta que durante dez anos de goberno de Feixóo non conseguiron nin unha soa competencia, cero patatero, e agora rectifican pola onda recentralizadora, reaccionaria, clasista, machista e racista como demostra a última proposta de Casado en relación ás mulleres emigrantes embarazadas”, salientou Bará.
“Xa sabemos que agora compiten polo electorado coa extrema dereita”, alegou o deputado nacionalista, tras admitir que este paso atrás dos populares galegos está en coherencia “co resultado dos último dez anos con cero novas competencias a pesar das declaracións públicas e do programa electoral do PP, todo papel mollado”.
A transferencia en materia de tráfico e seguridade viaria, o desenvolvemento dun corpo de policía galega e a AP9 foron algunhas das competencias polas que Bará interpelou ao Executivo na comisión parlamentaria, sen que o PP aclarase a súa axenda de transferencias nin concretase se pediu a convocatoria da comisión mixta de transferencias Xunta-Estado para negociar e axilizar o traspaso de novas competencias.