parlamento galego

Luís Bará critica a parálise lexislativa da Xunta do PP: “É un síntoma dun goberno en decadencia sen ninguén ao mando”

Luís Bará

O Bloque presentará no Debate do Estado da Nación a súa alternativa para gobernar Galiza con medidas que axuden ás persoas que peor o están pasando  

Ante a inacción do Goberno “insensible” de Rueda, o BNG impulsa unha iniciativa para reformar a Lei de Inclusión Social, anunciada xa no 2022  

O viceportavoz no Parlamento, Luís Bará, criticou a “parálise lexislativa” da Xunta do PP, un síntoma claro, precisou, de que “estamos ao final dun ciclo político, cun Goberno en decadencia,  desnortado e sen ninguén ao mando” fronte ao que o BNG se presenta como alternativa con medidas concretas para axudar ás persoas que peor o están a pasar nesta crise económica.

Bará referiuse en rolda de prensa ás leis que o PP prometeu sacar adiante nesta lexislatura e que aínda seguen pendentes. Aludiu neste sentido ao plan lexislativo presentado pola Xunta do PP xa no 2021, que contemplaba dez leis das que sete aínda non foron aprobadas. É o caso, entre outras, das normas de artesanía, patrimonio, estatística, educación para adultos ou prevención do consumo de alcohol e tabaco.

Ao plan do 2021 sucedeulle o aprobado polo Consello da Xunta para o 2020-2024, que incluía oito novas leis para ser aprobadas no 2022 e trece para o 2023. Entre estas últimas inclúense, por exemplo, a de incendios, clima, igualdade de homes e mulleres ou inclusión social.

Bará considerou o retraso de esta última “especialmente doloroso”, pois se trata dunha reforma para facer compatible o cobro da Risga co Ingreso Mínimo Vital, anunciada por Feijóo no 2020 e prometida tamén por Rueda no seu discurso de investidura para axudar as familias con menos recursos. “É unha mostra máis de que temos un Goberno sen alma, insensible e con corazón de pedra, porque nin sequera é capaz de modificar os artigos dunha lei para facer posible que miles de familias poidan ter máis ingresos cando están nunha situación de extrema necesidade”, denunciou.

“É o peor balance da historia en materia lexislativa dun goberno lacazán, caótico e confuso”, ao que o propio Foro Económico de Galiza lle ten reprochado “dispersión de prioridades” e “aversión aos cambios estruturais”. Un Goberno que, segundo asegurou o deputado nacionalista, ao final da lexislatura quere dar imaxe de “hiperactividade”.  “Actúa coma o típico mal estudante que deixa todo para setembro e ás presas quere sacar adiante algunha materia ao final de curso”, até o punto de aprobar de maneira “acelerada” a Lei do Litoral, que é “papel mollado” no que se refire ao exercicio das competencias sobre a autorización e licencias sobre do dominio público marítimo terrestre.

Ademais das “trampas” na aprobación de normas como a do Litoral, Bará criticou que a Xunta encargue a elaboración de leis a empresas privadas, tanto polo que supón de “privatización” nun exercicio “pouco recomendable” como por algunhas “chapuzas” feitas, como ocorre coa Lei de Artesanía, que levan meses paralizada no Parlamento.

Bará explicou que o BNG presentará as súa alternativa fronte ao “goberno en decadencia” de Rueda no vindeiro Debate do Estado da Nación, con “plans e propostas transformadoras e de futuro” e con medidas para facerlle fronte a grave crise que afrontan  miles de familias galegas. “Veremos a alternativa de Rueda e o PP, que é o pasado, e outra que é a de Ana Pontón e o BNG, que é o futuro”, anticipou.

Anunciou, ao respecto, que para corrixir a parálise do PP o Bloque vai presentar no Parlamento unha iniciativa para modificar a Lei de Inclusión Social co obxectivo de “axudar ás familias que están agardando de maneira desesperada poder ter máis ingresos para afrontar as dificultades da vida diaria”.