Luis Bará chama a facer unha “campaña épica” para acadar o mellor resultado do BNG da historia
O cabeza de lista Luís Bará presentou ante a asemblea local de Pontevedra un programa de goberno ambicioso con proxectos estratéxicos e transformadores
O BNG de Pontevedra celebrou onte a súa asemblea local para abordar as vindeiras eleccións galegas do 18F, na que o cabeza de cartel pola provincia, Luís Bará, fixo unha chamada a facer unha campaña épica para acadar o mellor resultado do BNG na historia, levar a Ana Pontón á presidencia da Xunta e conseguir unha Galiza máis próspera e con futuro.
O número un das listas fixo unha arenga ante todas as persoas que enchían o local do Gorgullón. Destacou que en Pontevedra se mobilizará “un exército de máis de 500 persoas” entre activistas e simpatizantes, militantes que colaborarán en actos, actividades e reunións nunha campaña propositiva para demostrar á cidadanía que o Bloque ten a mellor candidata á presidencia, un proxecto serio e ganas para mellorar o país.
Facendo unha análise estratéxica da situación ante os comicios, o representante nacionalista asegurou que “estamos nun momento decisivo porque estas son as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos, porque hai unha corrente de cambio imparable arredor do BNG, e porque podemos facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha muller na presidencia coas mans libres para defender os intereses deste país ”, salientou.
Lembrou que todas as enquisas amosan tendencias claras, que o BNG está á alza e en disposición de disputar a presidencia ao Partido Popular, e que este está en caída cun candidato, Rueda, que non ilusiona. Destacou, así mesmo, o nerviosismo dos ‘populares’ que son conscientes de que “catro votos” poden cambiar a historia, en relación ás palabras de Núñez Feijóo, quen nos últimos días recoñeceu que non conseguiu o goberno do Estado por unha diferencia mínima.
Para Bará Galiza está ás portas dun “cambio histórico” que require “un programa de goberno ambicioso” que vai poñer en valor todo o potencial de Galiza con proxectos estratéxicos e transformadores para desenvolver o mellor futuro para as galegas e os galegos.
O nacionalista falou na asemblea dos dez grandes compromisos que adquire o Bloque para os vindeiros anos á fronte do goberno galego: reforzar os servizos públicos; poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade; apostar pola ciencia e a innovación como clave de progreso; loitar contra o cambio climático e defender un modelo enerxético autocentrado; avanzar en autogoberno político e financeiro; modernizar as infraestruturas e facilitar o acceso á vivenda; defender unha sociedade xusta e feminista, apoiar a lingua e a cultura; darlle perfil propio a Galiza no mundo e traballar na rexeneración democrática.