Luís Bará: “O cambio é imparable. O 18F empezará un tempo novo cunha presidenta coas mans libres, Ana Pontón, para poñer o país en marcha”
O cabeza de cartel asegura que o BNG “é o partido que defende os intereses de Galiza e onde cabe toda a xente que lle quere ao país independentemente do que votase noutras eleccións”
Mellorar a sanidade, comprar o Pazo de Montesacro para convertelo en residencia pública ou poñer en marcha un plan de mobilidade que mellore as comunicacións no Salnés, entre os compromisos do Bloque
“O cambio é imparable: empeza un tempo novo, un tempo mellor, imos poñer este país en marcha. Imos a por todas este 18F”. Con esta ilusión e ánimo o cabeza de cartel do BNG en Pontevedra, Luís Bará, fixo hoxe no Salnés balance da campaña nacionalista, acompañado da tamén candidata Montse Prado e dos alcaldes e portavoces municipais da zona.
Bará afirmou que estas eleccións galegas son “unha encrucillada e un momento decisivo” no que non só hai que facer historia, senón tamén conquistar un futuro mellor. Chamou á cidadanía a poñer en marcha unha Galiza e un novo goberno o 18F “dirixido por un partido nidiamente galego, como dixo Castelao, o BNG, e por unha muller coas mans libres que poña aire fresco, enerxía e impulso nesta nova etapa que comeza da historia do país, Ana Pontón”.
O cabeza de cartel destacou que “todo está encamiñado” para ese cambio, mais destacou que a forza nacionalista vai seguir dándoo todo e máis nestes días e horas que faltan para abrir “este tempo novo cunha gran presidencia da Xunta na figura de Ana Pontón, que poña o país en marcha, que ilusione e reactive o país, o poña a funcionar despois de 15 anos de inercia e agonía ao que nos levou o PP”.
Para que se confirme a mudanza no goberno da Xunta chamou á cidadanía a que haxa unha participación masiva e histórica e a que se concentre todo o voto do cambio na papeleta que asegura o cambio, a do BNG. “Unha papeleta –subliñou- na que cabe a inmensa maioría do pobo galego porque somos un partido galego, o que defende os intereses do país e onde cabe toda a xente que lle quere independentemente do que votasen noutras eleccións”.
Afirmou Bará que o cambio é “imparable” porque hai unha enorme onda de simpatía de apoio e ánimo cara o BNG que foi a máis cada día na campaña, e porque o país “está farto do desgoberno, das mentiras, das manipulacións e incompetencia do Partido Popular”. Para mostra, dixo, o nerviosismo e desesperación do PP “que xa non lle ten nada que dicir ao pobo galego, que é ademais un goberno ausente, cun presidente ausente, que non comparece”.
Criticou, neste sentido, que nestes momentos os populares teñen como única campaña e única mensaxe un ataque “absolutamente delirante” contra o BNG. “Esa é a proba da súa debilidade e da fortaleza que ten neste momento o BNG como alternativa de goberno”, insistiu, asegurando que o Bloque non vai entrar no xogo e continuará facendo unha campaña “impecable” en positivo, propositiva e tamén de respecto ao pobo galego.
“Nós –dixo Bará- combinamos críticas ao PP pola súa incompetencia, porque deixou un país que foi a menos, cunha campaña propositiva que se resume en dúas ideas: mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e tamén poñer o país a producir para desenvolver a súa riqueza, xerar empregos e crear oportunidades para a xente, sobre todo pensando na xente máis nova”.
A candidata Montse Pradro subliñou, en clave comarcal, o compromiso firme do BNG de poñer en marcha un plan de mobilidade para favorecer os desprazamentos da cidadanía no territorio e tamén cara outras vilas e cidades. Tamén garantiu o rescate e mellora dos servizos públicos e a sanidade que nos últimos últimos anos, co goberno do PP, “sufriron unha desatención brutal e se converteron nun nicho de negocio” na comarca.
Insistiu en que o goberno do Bloque mercará o Pazo de Montesacro para facer públicas as prazas de residencia de maiores e lembrou que dende o ‘minuto cero’ o BNG entendeu que se abría unha oportunidade para que unha administración se fixese coa xestión. Neste sentido, afirmou que non é crible, despois das continuas negativas, o anuncio de hoxe mesmo do PP que dixo que a Consellería de Política Social está a traballar na posible compra. “Terían que amosar algún documento asinado”, subliñou.
Destacou Prado o agradecemento do BNG a toda militancia e persoas implicadas na campaña, así como á veciñanza en xeral pola boa acollida e receptividade ante o proxecto liderado por Ana Pontón que se palpou durante os repartos e actos organizados. Con “ilusión e esperanza”, asegurou que o vindeiro domingo “imos deixar atrás 15 anos que nos deixan unha comarca con moitas menos posibilidades e moi desatendida”.