Luís Bará: “O BNG ten proxecto e solvencia para levar adiante a mellor política social: poñer Galiza a producir”
- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou hoxe en Redondela que o PP converteu a Xunta nunha xestoría de Madrid
“Non hai mellor política social que a que aposta por poñer o país a producir, por desenvolver todo o seu potencial, por crear riqueza e emprego de calidade e por garantir desde o público servizos para toda a poboación”. Así o dixo hoxe en Redondela o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, quen pediu o apoio dos veciños e veciñas da vila para a forza nacionalista porque, segundo dixo, “o BNG ten proxecto e solvencia demostrada”.
Bará quixo poner en valor a marca BNG e subliñou que a actuación dos gobernos nacionalistas do BNG “diferénciase dos demais alí onde goberna porque temos proxecto de futuro para o país, Ideas claras, experiencia e valentía para levalo a cabo. Non chega con ter claro o que se quere, hai que saber facelo, e así o demostramos co modelo urbano Pontevedra, coa compostaxe, na que a Deputación está a traballar da man de máis de vinte concellos da provincia”, explicou o candidato, que salientou a necesidade de que Galiza conte con instrumentos políticos, financeiros e sociais propios para encarar os retos de futuro “abandonando a submisión e a mansedume, plantando cara a Madrid e a Europa”.
Así mesmo, o cabeza de lista do BNG asegurou na alameda de Redondela que “Galiza perdeu a oportunidade de dar un salto cara adiante no desenvolvemento das súas potencialidades” nos últimos sete anos, xa que o goberno Feijóo paralizou importantes proxectos de transformación e modernización que estaban en marcha en 2009 da man do BNG no goberno galego: o plan eólico, o banco de terras, o programa de innovación e investigación ou unha política integral de montes.
Fronte ao modelo centralizador e submiso do PP, Bará explicou que o BNG quere apostar pola investigación e innovación para multiplicar os beneficios da economía galega. “Queremos un país con máis ambición, un país con futuro, por iso o BNG debe ser a alternativa daquela xente que lle quere a este país, para aqueles que están convencidos de que, se nos poñemos, este país pode saír adiante porque ten potencialidades”, engadiu.
Por outra banda, Bará volveu dirixirse a Mariano Rajoy e a Núñez Feijóo, que onte estiveron na praza de touros de Pontevedra, para que condeen as pintadas de coaccións e ataques aos deputados do BNG na Deputación supostamente feitas polas mans dos traballadores do parque de maquinaria xa que, segundo dixo, “do contrario serán complices de prácticas paraterroristas” –algunhas das pintadas eran dianas como as que a banda terrorista ETA destinaba ás súas vítimas-.
“Agora co inicio da campaña electoral aparecen novos ataques e pintadas mafiosas, de ameazas e coaccións, pero estes ataques, que comezaron en maio coa aparición de coroas fúnebres, non nos van volver atrás. Seguiremos coa nosa política de democratizar a Deputación, de eliminar todo tipo de prebendas e privilexios. Non imos dar un paso atrás imos seguir esa liña en todas as institucións nas que estea o BNG”, subliñou.