Galegas 2016

Luís Bará: “O BNG ten propostas para abrir o tempo novo que precisa Galiza e superar o goberno sen alma do PP”

Presentación da candidatura en Carril, Vilagarcía de Arousa

O candidato do BNG destacou a lealdade da súa formación e a garantía de que traballará con enerxía para un goberno alternativo ao PP

Criticou as liortas internas “das outras forzas políticas que se din de esquerdas”

A un mes exacto do 25-S, a lonxa de Carril foi o escenario para a presentación no Salnés da candidatura do BNG pola provincia liderada por Luís Bará e conformada por outros membros da comarca como Montse Prado, Lucía César Veloso, Elena Vilas e Xabier Rodríguez Paz. O cabeza de lista asegurou ao pé da ría de Arousa que o BNG vai facer unha campaña ambiciosa con propostas en positivo para “abrir este tempo novo que precisa Galiza, levantar ao país, e superar o tempo do PP -que representa xa ao pasado-, deste goberno sen alma do Partido Popular que é na práctica unha xestoría e non asume a verdadeira función de ser un Goberno galego que defenda os intereses do país”.

Bará sinalou que o BNG quere presentar unha proposta alternativa, diferente e nova, un proxecto nacional de país e, polo tanto, tamén social: “Non hai ningún proxecto que queira dirixirse á maioría social se non pensa en poñer o país a producir, en sacar rendemento a todos os recursos e posibilidades, en xerar emprego e riqueza a partir das súas potencialidades. O noso é un proxecto de futuro, porque nós queremos modernizar, formar o país a partir da innovación, do coñecemento, da ciencia e tamén coa participación e protagonismo da xente nova, que ten moito que dicir”.

“Dende logo é un proxecto ambicioso”, recoñeceu o nacionalista, xa que ese proxecto quere superar o papel dun goberno “submiso e servil” que segue os ditados de fóra para se converter nun auténtico goberno galego. Para iso, sinalou, á parte das ideas precísase tamén achegar valores de lealdade, xenerosidade, e de honradez “que nos acompañan na nosa traxectoria política do BNG, así como o sentimento de amor a esta terra e ao pobo galego”. “Precísase tamén valentía e coraxe. Non estamos nun tempo de mansedume ou submisión porque hai que plantar cara ás decisións que se toman fóra. O galego ten que ser un goberno con coraxe e valentía para coller o país nas mans e sacalo adiante. Hai que crer e querer”, dixo.

Bará tamén subliñou a necesidade de seriedade, rigor e solvencia no futuro goberno galego. “Este non é un tempo de improvisación e experimentos. Necesítase a experiencia contrastada que o BNG pode demostrar nos gobernos municipais, onde demos exemplos de capacidade para transformar a realidade cos nosos recursos”, dixo.

O líder da candidatura do BNG sinalou que o BNG ten todos eses ingredientes para crear un bo goberno galego, e así o está a demostrar nesta precampaña, pero aproveitou para mostrar a súa preocupación pola “situación lamentable e o espectáculo das principais forzas políticas a nivel do estado”, que están a xerar moito desencanto, malestar e cabreo na xente. “Non hai dereito a estar a vivir todos estes meses de incertidume e tacticismo, de poñer os intereses dos partidos diante do interese xeral”, salientou.

Tamén lle preocupa, segundo asegurou, o lío e os enfrontamentos das forzas políticas que se din de esquerdas. “Iso é algo que hai que superar. Estamos no tempo de facer propostas e construír un tempo novo”, dixo, para insistir en que o BNG oferta o rigor, a experiencia e rigorosidade xunto á lealdade: “Polo BNG non vai ser. Imos dar todo e poñer todas as enerxías para que haxa un goberno alternativo ao Partido Popular”, sentenciou.

Por todos estes motivos, Bará dirixiuse aos que se senten de esquerdas, galeguistas, nacionalistas, que lle queren ao país, que queren un futuro distinto, e asegurou que teñen no BNG unha referencia e unha alternativa moi válida.

Grande peso do Salnés na candidatura

A membro da candidatura e xa parlamentaria Montse Prado sinalou que a elección do contorno da lonxa para a presentación da candidatura tivo un motivo simbólico: “Debeuse a que se quere poñer de manifesto que a Ría de Arousa, unha das máis ricas do mundo, debería de ser o motor fundamental da comarca na creación de emprego e de riqueza. Para o BNG é unha auténtica prioridade que os veciños e veciñas de esta zona teñan na mesma a súa fonte de riqueza”.

Así mesmo, tamén fixo referencia a Cortegada, que é simbólica, segundo explicou, porque se a día de hoxe é pública é grazas á vontade do pobo de Carril, de asociacións, entidades e agrupacións políticas como o BNG que a conseguiron rescatar da propiedade privada. “Cando temos consciencia do noso, do valor das nosas cousas e nos organizamos para defendelas somos quen de facelo”, asegurou.

Prado destacou o grande peso da comarca do Salnés na candidatura do BNG, da que asegurou foi elaborada con propostas nun proceso democrático e participativo incluíndo a persoas dos máis diferentes sectores: membros do ensino, farmacéuticos, músicos…

Igual que Bará, Prado sinalou que “Galiza precisa un tempo novo no que deixe de ser actriz secundaria e espectadora para converterse en protagonista”. Neste sentido destacou que “é posible recadar os nosos impostos, unha tarifa eléctrica galega… É posible poñer Galicia por diante e o que hai que ter é vontade política. O BNG ten vontade política e as candidaturas do BNG están conformadas por homes e mulleres con esa vontade, empezando pola candidata Ana Pontón e seguindo polo cabeza de lista na provincia Luís Bará”.