Luís Bará: "Para o BNG será unha prioridade o saneamento da Ría de Arousa"
O cabeza de lista do BNG asegurou que as rías son “un seguro de vida colectivo” e avogou pola realización dun plan de saneamento e mellora das redes de sumidoiros e depuración
Aposta por “dar carpetazo a proxectos ameazantes” como a megaminería de Pino-Touro e aos vertidos na zona de Sálvora
O BNG presentou hoxe no porto de Carril en Vilagarcía as súas propostas en materia de saneamento e rexeneración da rías galegas. Da man do cabeza de lista do por Pontevedra, Luís Bará, asegurou que a mellora da situación ambiental da ría de Arousa é “prioridade número un”, plantexando iniciativas para a eliminación de vertidos, de protección á pesca de baixura e á comercialización de produtos do mar co fin de potenciar a produtividade.
Acompañado polas tamén candidatas da comarca, Montse Prado, Sandra Fernández Agraso, e Xosé Lois Leirós; o responsable comarcal Manolo Domínguez, e cargos institucionais e orgánicos da formación nacionalista, Bará destacou que rías son grandes reservas de biodiversidade, grandes factorías de traballo e tamén “un seguro de vida colectivo” en momentos de crise como o que se acaba de vivir pola COVID-19.
Subliñou que dende o punto de vista ambiental hai grandes problemas e riscos de saúde derivados da contaminación que están levando a unha grave redución da actividade produtiva, ante o que é necesario tomar medidas urxentes fronte á inacción do Partido Popular nos últimos once anos. Neste sentido destacou que os datos de baixada da produtividade e perda do emprego son moi alarmantes, cuestión pola que insistiu que para o BNG unha prioridade número un en materia ambiental é o saneamento e rexeneración das rías, “empezando pola de Arousa que é a máis importante de Galiza e das máis produtivas do mundo”, destacou.
Con ese obxectivo de traballo, a eliminación de vertidos contaminantes -máis de 70 na Arousa- e a reactivación do sector, Bará puxo sobre a mesa a necesidade dun plan de saneamento e mellora da rede de sumidoiros, tamén a mellora da rede de depuración e das estacións depuradoras, así como a construción doutras novas. Tamén indicou a aposta pola aprobación dun protocolo de desaugamento de encoros para evitar os efectos da perda de salinidade nas zonas que son moi produtivas como a dos lombos do Ulla.
“Hai que dar carpetazo tamén a proxectos ameazantes para esta ría como a megaminería de O Pino-Touro e os vertidos na entrada da ría na zona de Sálvora, e facer un plan de recuperación da actividade pesqueira e marisqueira atendendo principalmente á protección da pesca de baixura”, subliñou.
Nación altamente dependente da pesca
Outro aspecto fundamental que o candidato destacou é a promoción da comercialización dos produtos do mar para fomentar o seu consumo, facendo fincapé no coidado da marca de calidade, “no selo e garantía que supón o marisco e o peixe galego que ten que estar presente en todo o proceso de comercialización, e que permitiría evitar o fraude de entrada de produto foráneo que se presenta como galego”.
Bará tamén indicou que o BNG vai seguir reclamando e defendendo en todos os foros que Galiza sexa declarada nación altamente dependente da pesca “para que poidamos asumir dende o goberno galego todas as competencias que teñen que ver co mar e coas costas”.
O candidato explicou que nas rías galegas hai arredor de 1.200 puntos de vertidos contaminantes nas rías galegas e a que ten máis é a de Arousa, con 70. Lembrou que hai novas ameazas como a macrominería de Touro-Pino e tamén a foxa de vertedoiro de Sálvora onde pretenden levar máis de 300.000 toneladas de residuos da dragaxe da ría de Pontevedra.