Luís Bará: “O BNG propón unha Galiza líder en economía verde e desenvolvemento sustentable”
“O BNG propón unha Galiza líder en economía verde e desenvolvemento sustentable”. Así o indicou hoxe no mitin de Sanxenxo o cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, quen destacou que a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade dun xiro de 180 graos no modelo económico social da Xunta e de desenvolver unha estratexia de futuro para a próxima década nas políticas ambientais e de ordenación do territorio que integre a economía e a ecoloxía: “Hai que facer de Galiza un referente mundial en materias como os modelos urbanos, a xestión de residuos, as enerxías renovables, a mobilidade sustentable ou a biotecnoloxía”, dixo.
Bará destacou que o BNG de Ana Pontón impulsará dende o goberno un grande acordo de país para definir a folla de ruta dos próximos anos nestes ámbitos. Subliñou que “o verde da paisaxe e da biodiversidade será a imaxe de marca de Galiza no urbanismo, no sector primario –agricultura e gandería ecolóxica-, no turismo, na mobilidade, na enerxía, e no comercio de proximidade e quilómetro cero”, e indicou que é preciso que todas as medidas que se adopten nesas materias vaian acompañadas tamén dun impulso no ámbito da innovación e da investigación.
Nun mitin no que participaron as tamén candidatas Montse Prado e Sandra Fernández Agraso, Bará fixo un chamamento á mobilización do voto xoven e un chamamento á xente moza como motor do cambio, xa que ao seu entender será clave para un gran ascenso do BNG e derrotar ao Partido Popular. Así mesmo, subliñou a necesidade de concentrar no Bloque o voto da xente galeguista e nacionalista porque “tanto a abstención como a división do voto das persoas que lle queren ao país e queren cambio serán como votar ao Partido Popular”.
“Hai que darlle o finiquito ao PP, confinalo na oposición, mandalo para Madrid”, dixo Bará, argumentando que nestes momentos non hai nada decidido, senón que se decide todo o 12X nas urnas: “Hai partido e nós saímos a por todas. Saímos a gañar. O futuro é noso”, indicou o cabeza de cartel, quen augurou un grande resultado para o BNG que permitirá “poñer en marcha o cambio galego, abrir un tempo novo e darlle esperanza e futuro ao país”.
O cabeza de cartel destacou que hai 700.000 persoas indecisas segundo as enquisas, que tamén din que existe unha tendencia de crecemento e un medre imparable do BNG “co liderado potente, atraente e inclusivo e amable de Ana Pontón, que é a verdadeira alternativa á dereita do PP”. Fixo fincapé, de feito, que nestas eleccións o BNG ten dous grandes obxectivos: “derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e derrotar ao mesmo tempo o centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón”.
Na Praza do Pazo, Bará afirmou que o BNG está preparado para gobernar e coller o mando e a dirección do país cun proxecto propio, transformador, pensado dende e para Galiza e a súa maioría social que servirá “para rematar con este tempo de parálise do Parido Popular que converteu Galiza nun país co motor parado”. Segundo explicou o candidato, a primeira medida do BNG de Ana Pontón para facerlle fronte á crise no goberno galego será tecer un grande acordo ou grande coalición institucional e social polo futuro de Galiza para a reactivar a economía, o impulso e a modernización de país.