Luís Bará asistirá á mobilización contra o impacto das obras da AP-9 nas parroquias de Teis e Chaplela
Reclama a instalación de pantallas de protección contra ruídos, iniciar o proxecto de vía urbana no acceso a Vigo pola AP-9 no límite de Redondela e construír o novo colexio da Igrexa
O deputado por Pontevedra, Luís Bará asistirá mañá, sábado 27 de xaneiro ás 19 hs en Chapela, á mobilización convocada polos colectivos veciñais das parroquias de Teis e Chapela para reclamar obras que corrixan os impactos negativos provocados pola ampliación da ponte de Rande, na AP-9.
Bará manifesta o apoio do BNG ás reivindicacións veciñais que reclaman a instalación de pantallas de protección para corrixir os ruídos no entorno das parroquias afectadas, iniciar o proxecto de vía urbana no último tramo de acceso a Vigo na AP-9 dende o límite de Redondela co concello de Vigo, iniciar canto antes as obras do novo colexio da Igrexa para que o alumnado -que está a escasamente dous metros da autoestrada- non siga afectado polo risco que supón para a activade docente, acometer as obras comprometidas pola administración con viais alternativas ás urbanizacións e espazos públicos, e que sexa abordado o proxecto para a urbanización da Nacional 552 que atravesa a parroquia de Chapela e soporta unha grande afluencia de tráfico.
ESTAFA DAS PEAXES
O BNG insiste en que a peaxe Redondela-Vigo debe ser asumida por AUDASA con cargo aos seus “millonarios beneficios”, - 46 M€ no último exercicio-, en lugar de sobrecargar ás persoas usuarias cun novo incremento das peaxes que, a formación nacionalista cualifica de “estafa legalizada”.
O deputado por Pontevedra, Luís Bará manifesta o apoio do BNG á eliminación da peaxe Redondela-Vigo e rexeita que esta supresión signifique unha nova subida das peaxes. “O BNG pide activar a transferencia da AP-9 a Galiza como primeiro paso cara unha progresiva eliminación das peaxes”, recalca o parlamentario nacionalista.