Luís Bará asegura que “é a hora do rural interior” e compromete servizos e equipamentos
O candidato do BNG reuniuse co sector do comercio e hostalería de Vila de Cruces, ante os que defendeu a necesidade de promover modelos urbanos de recuperación e calidade do espazo público para dinamizar a economía
Subliñou a importancia do turismo verde e de patrimonio como unha oportunidade a desenvolver para aumentar o dinamismo da zona
“É o momento do rural, dun rural vivo e con futuro, dun rural de interior que ten moito que dar de si se ten un goberno que cree nel, o apoia e o desenvolve”. Así o indicou hoxe o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, tras manter un encontro con representantes do comercio, hostalería e turismo de Vila de Cruces e o Deza, aos que ofreceu “un goberno da man do BNG que tras do 12X” dea un pulo real ás necesidades do interior do país.
Bará constatou no encontro “que é a hora do rural, concretamente do rural do interior, dun rural que necesita atención e políticas de apoio por parte do goberno galego despois de 11 anos de abandono da Xunta do Partido Popular”, do que dixo converteu o que ía ser a lexislatura do rural “nunha lexislatura de práctica asfixia ou morte lenta, poñendo ao rural ao borde da desaparición”.
Pola contra, dixo o candidato, o BNG defende un rural vivo, un rural con servizos, que xere actividade económica e emprego aproveitando todo o potencial e todos os recursos que ten, traballando dende a innovación e desde a transformación en produtos con valor engadido, a partir do sector primario, por exemplo, na agricultura e na gandería como ocorre na zona de Vila de Cruces e no Deza.
Tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de fomentar un turismo verde, de natureza, con grande potencial e atractivo, así como tamén o turismo de patrimonio “a través da riqueza histórica e arqueolóxica e concretamente nesta zona coas Minas de Fontao a arqueoloxía industrial, xa que tamén este é un elemento importante para a activación do comercio e da hostalería”, dixo Bará.
Así mesmo, o cabeza de lista defendeu a aposta do BNG por desenvolver novos modelos urbanos que aposten pola recuperación e calidade do espazo público para todas as persoas, pola creación de núcleos de centralidade que concentren actividade e sexan núcleos de cohesión social, por novas formas de mobilidade, fomentando a accesibilidade universal e tamén dotando o territorio de eventos e programacións que dinamicen dende o punto de vista social e cultural.
Insistiu, en calquera caso, que é fundamental abordar dende a Xunta de Galiza un proxecto de dotación de equipamentos e servizos para o benestar social no rural con mellora da atención sanitaria, e tamén dos recursos e de atención educativa, recursos de conciliación. Tamén urxiu a existencia de proxectos para combater e rematar coa fenda dixital que xera novas desigualdades do acceso ás redes tanto para usos administrativos, como educativos, sanitarios e incluso para o sector económico do comercio, hostalería e turismo “que teñen aí tamén un elemento que actúa en contra dos seus intereses”.
Por outra banda, Bará salientou a actitude responsable do BNG e a altura de miras sendo unha forza propositiva e colaborativa en todas as institucións a raíz da crise da COVID-19. Subliñou que o Bloque plantexou ao goberno galegodo PP medidas en varios ámbitos que non foron escoitadas A principal, co fin de inxectar liquidez inmediata, é a urxente resposta da Xunta con axudas directas de 2.000 euros para compensar os gastos do período de inactividade, tal e como se están a dar todas as comunidades salvo Galiza e Aragón.