Luís Bará: “A aposta polas áreas comerciais urbanas é unha das claves do BNG”
- O cabeza de lista pola provincia salientou hoxe nun reparto en Pontevedra que “na medida en que o BNG consiga os deputados en liza nas catro provincias o PP perderá a maioría absoluta”
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, lanzou hoxe durante un reparto electoral en Pontevedra unha mensaxe de defensa do comercio local, das áreas comerciais urbanas e da importancia de recuperar os centros urbanos para dinamizar o comercio. O nacionalista salientou que eses elementos son unha liña central do discurso e da práctica de goberno do BNG que no caso de Pontevedra se leva feito con bos resultados ao longo destes anos.
“Defendemos o consumo no comercio local e dos produtos do país fronte ao modelo das grandes superficies que o que fan é espoliar o país e vir aquí a aproveitarse do consumo e da riqueza de aquí para levala fóra. Nós apostamos polo comercio de proximidade, polo comercio local e polos centros comerciais urbanos como este de Pontevedra que é un exemplo recoñecido en todo o mundo. Esa é unha das claves da marca BNG”, subliñou.
Bará destacou, así mesmo, que nestes últimos días de campaña o BNG “poñerá o resto” para dar a coñecer o seu proxecto e insistir en que é a “chave” para un novo goberno en Galiza dado que hai varios deputados en disputa e que “na medida en que consigamos eses parlamentarios para o BNG o PP vai perder a maioría absoluta”. “Hai moito voto indeciso aínda e queremos apelar a toda a xente que cre neste país e lle quere a este país para que confíe nunha forza cen por cen galega como é o BNG”, dixo.
O cabeza de lista salientou que a día de hoxe o BNG está a facer unha campaña animosa e recibindo tamén moita enerxía positiva de xente que volve a apoiar á formación, o que ao seu entender ten que ver co discurso que está a defender a formación nacionalista e co proxecto alternativo que hai para o país, pero tamén ao que se chama o ‘efecto Pontón’ da candidata á Presidencia da Xunta.
“O BNG conseguiu resintonizar coa sociedade, recuperar antigos votantes nacionalistas e tamén conectar con outros sectores da sociedade que non sendo nacionalistas teñen un sentimento de país, un sentimento galeguista... Que ven con simpatía esta nova etapa do BNG, este novo liderado e estilo de Ana Pontón, que é unha persoa que é capaz de ter un discurso contundente e firme e a un mesmo tempo amable e cordial para tender a man á xente deste país para abrir un tempo novo”, finalizou.