Luís Bará aposta pola creación dun Plan de apoio ao sector da planta ornamental e a flor cortada no Baixo Miño
O candidato do BNG apostou en A Guarda por acompañar dende a Xunta un sector estratéxico
Asegurou que a crise da COVID-19 demostrou a importancia de aumentar a produción alimentar e reducir a dependencia do exterior
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, avogou na súa visita a A Guarda por poñer en marcha dende a Xunta de Galiza un Plan de apoio aos viveiros, á planta ornamental e á flor cortada, actividades fundamentais para a comarca do Baixo Miño que están a ser especialmente afectadas pola crise da COVID-19. Bará indicou a necesidade de consensuar as medidas e axudas coas empresas e asociacións do sector para que sexan plenamente eficientes.
Acompañado polos tamén candidatos Montse Prado e Xosé Manuel Méndez e o portavoz municipal Anxo Baz, Bará visitou as instalacións da empresa ‘Toxal’, a firma máis importante de flor cortada en Galiza pola súa produción, con 30.000 metros de superficie de cultivo, e pertencente á Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam). O cabeza de cartel coñeceu de primeira man a difícil situación pola que están a pasar pola crise da COVID-19, que apareceu creando unha ‘tormenta perfecta’ por tratar cun producto precedeiro, que ten un ciclo largo de produción e estar en plena campaña de venda.
O sector, segundo recoñeceu Bará, estivo parado durante toda a corentena perdendo datas importantes de saída comercial como as festas tradicionais, os días do pai, da nai, a Semana Santa e o Sant Jordi, e facendo que a produción fose para o lixo, xa que a exportación tamén estivp paralizada polo peche de fronteiras. As perspectivas de futuro a día de hoxe tampouco son optimistas, segundo manifestan dende o sector, xa que a ausencia de eventos (vodas, bautizos, comunións...), cancelados na súa meirande parte ata o ano próximo, non aumentarán as vendas no inmediato.
Bará destacou a necesidade de que a Xunta de Galiza xestione plans de axudas e apoio, e así o comprometeu unha vez o BNG estea no goberno despois do 12X. Subliñou que a planta ornamental e a flor cortada son actividades económicas estratéxicas para a comarca, pola súa creación de emprego (arredor de 400 postos de traballo) e a súa facturación (uns 20ME no Baixo Miño), polo que “é fundamental un acompañamento do goberno galego para o seu mantemento e potenciación”.
Por outra banda, o cabeza de cartel destacou a necesidade de apostar polo rural dende a Xunta de Galiza. Propuxo traballar para recuperar 100.000 hectáreas de superficie agraria galega de cara ao 2030 “para abrir un tempo novo no rural galego”, dándolle un xiro ás políticas “retomando o impulso que o BNG lle deu ao goberno da Xunta cando Alfredo Suárez Canal estivo ao mando da consellería de Medio Rural”.
Para levar a cabo esta política dende o goberno galego o cabeza de cartel do BNG puxo sobre a mesa un decálogo de medidas e orientacións estratéxicas. Ademais de recuperar 100.000 hectáreas abandonadas, Bará, avogou por impulsar unha nova Lei de Estruturas Agrarias, por reactivar o banco de terras (Bantegal), así como por desenvolver políticas para os distintos sectores que teñan en conta as súas características -para o leite, carne, viño, pataca, horta e flor, madeira e outros produtos do monte-, e ao mesmo tempo elaborar un novo Plan de Agricultura Ecolóxica consensuado co sector cun horizonte temporal máis amplo que actual e que impulse todo o potencial que ten esta produción.
Como sexta liña, Bará apuntou un novo Plan Forestal que aposte decididamente polo carácter multifuncional do monte e que se marque como obxectivo reducir a superficie ocupada polo eucalipto e ampliar, pola contra, a plantación de especies autóctonas de calidade. Tamén nomeou unha nova Lei de Montes. En sétimo lugar Bará afirmou que a produción de alimentos e madeira e as políticas de fomento de desenvolvemento rural faranse con perspectiva de sustentabilidade ambiental tendo en conta o cambio climático.
Como oitava grande liña de actuación está reverter a tendencia de desmantelamento de servizos no rural que redunda no abandono e na perda de poboación. “É preciso apostar por un rural vivo e con futuro, con servizos na vivenda, ensino, saúde e servizos sociais, nas telecomunicacións, no transporte e lecer”, afirmou. Como novena grande liña propuxo potenciar a investigación, a formación e a innovación e a contribución da ciencia e do coñecemento ao desenvolvemento e á transformación e a gañar valor engadido no rural.
Por último, Bará sinalou que o BNG promoverá directamente que Galiza teña participación nos foros onde se dirimen cuestións que afectan ao medio rural galego.