Luís Bará aposta por declarar o sector da cultura como “ben de primeira necesidade” no país
O cabeza de lista do BNG propuxo en Vigo a creación dun bono cultural como medida do estímulo para o consumo de produtos galegos
O nacionalista presentou unha batería de medidas para dinamizar a cultura e o libro do país xunto á número tres da candidatura Alexandra Fernández e ao portavoz municipal Xabier P. Igrexas
“É o momento de apostar pola Cultura, de apostar por Galicia cun novo goberno, por un cambio galego na Xunta de Galiza”. Esas foron as palabras do cabeza de lista do BNG na provincia de Pontevedra de cara ás eleccións do 12X, Luís Bará, hoxe na librería Cartabón de Vigo, a onde acudiu para manifestar o apoio do Bloque ao libro e á cultura galega e para presentar unha batería de medidas para dinamizar o sector, centradas fundamentalmente en declaralo como “ben de primeira necesidade”.
Bará, acompañado da número tres da lista –Alexandra Fernández- e do portavoz municipal Xabier P. Igrexas, apostou por desenvolver un conxunto de medidas que pasan en primeiro lugar por declarar o sector da cultura e do libro como un ben de primeira necesidade para o país, como fixeron noutros países como Alemaña e Francia.
Outra das propostas pasa pola creación dun bono cultural que incentive o consumo de libros e de produtos culturais galegos. Tamén se apunta a necesaria creación dunha consellería dedicada exclusivamente ao ámbito da cultura co incremento tamén dos orzamentos que nestes momentos supoñen “un pírrico 0,8%”.
“Propoñemos tamén que na TV galega e na radio galega públicas se potencien as programacións e a difusión e promoción de produtos culturais galegos, e que haxa axudas directas por parte do goberno galego neste momento de dificultade como se habilitaron noutros territorios do estado”, dixo Bará.Tamén aposta o BNG por que dende Agadic e dende o IGAPE se habiliten préstamos excepcionais e especiais para o sector, e que se recupere o apoio á tradución e á promoción internacional do libro galego.
O nacionalista quixo poñer sobre a mesa tamén que o da cultura foi un sector especialmente maltratado polas políticas do Partido Popular e pola Xunta de Galiza nos últimos 11 anos “por un goberno que non quere nin cre na cultura galega e e que estivo gobernando e lexislando en contra da cultura galega e do libro en particular”, dixo.
“Todo isto vímolo cos recortes brutais que se produciron nos orzamentos que no caso de compras a bibliotecas supuxeron máis de tres millóns de euros ao longo dese periodo coas consecuencias negativas que houbo para as librarías. En xeral devalouse a Consellería de Cultura, mencionando o incumprimento da Lei do libro e da lectura, a desaparición das axudas á tradución ou a presenza de editoriais galegas en feiras internacionais”, citou.
Así mesmo, e con esta situación de partida, de ataque constante ao sector do libro, “chegamos a este momento da crise da COVID-19 que é un novo golpe”. Neste sentido, Bará salientou que a Xunta estivo desaparecida, sen ningún tipo de actuación nin medida a favor do sector da cultura e do libro, “por iso nós pensamos que é o momento de ter un goberno que realmente se poña do lado do libro e da cultura, que aposte pola nosa cultura como o selo de identidade e calidade do noso país”, finalizou.