Luís Bará afirma en Cotobade que “a innovación é o motor para catapultar o rural de cara ao futuro”
O cabeza de lista visitou hoxe ‘Caracois do Gallo’, empresa que puxo de exemplo de diversificación de produción para manter vivo o rural
Subliñou a necesidade de servizos de calidade e as redes de telecomunicacións, “chaves” para non quedar atrás
“A innovación e a diversificación da produción son o motor para catapultar o rural de cara ao futuro”. Así o indicou hoxe o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, quen visitou hoxe o concello de Cerdedo-Cotobade para poñer sobre a mesa algunhas das propostas do Bloque para conseguir un rural vivo, con emprego e máis riqueza.
Bará visitou, acompañado do voceiro no Concello Ernesto Filgueira e doutros cargos orgánicos e institucionais, unha explotación de caracol no concello de Cerdedo-Cotobade –Caracois do Gallo-, cuxa produción está dirixida na súa maioría á exportación e ao mercado exterior por ser un produto de alta calidade e alta demanda, ademais de ter cunha grande capacidade e potencial de crecemento.
O cabeza de cartel destacou que é preciso desenvolver dende a Xunta unha política que aposte pola diversificación produtiva do rural e tamén pola innovación, xa que ao seu entender, ambas son ferramentas fundamentais para multiplicar a capacidade produtiva e tamén para xerar máis emprego e máis riqueza nos concellos. “Hai terras que poden ser produtivas se se mobilizan e desenvolven as estruturas necesarias para reverter o abandono e a forestación”, dixo, para destacar que a iso hai que lle sumar tamén a innovación, cuestión que no proxecto de ‘Caracois do Gallo’ é un elemento fundamental para desenvolver un produto de máis calidade e máis competitivo no mercado.
“Iso é unha asignatura pendente que o BNG se compromete a impulsar nos vindeiros catro anos”, subliñou, destacando que é fundamental estar nas redes de telecomunicacións porque cada vez se abren máis oportunidades de comercialización de produto a través de plataformas on line . Neste sentido, indicou que o BNG impulsará a través do goberno da Xunta unha grande plataforma para que os produtos galegos teñan visibilidade e poidan ser comercializados polos produtores e polas plataformas de difusión e distribución nunhas condicións óptimas.
O candidato destacou que é necesario apostar por un rural vivo dende a Xunta, facendo que xente moza e con talento que quere quedar en Galiza –como a vencellada a Caracois do Gallo- poida desenvolver todo o seu potencial no seu propio país sen ter que marchar na busca dun emprego digno.