Luís Bará acusa a Xunta de ser “unha grande fábrica do cambio climático”
O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará acusou á Xunta de ser “unha grande fábrica do cambio climático cunha política forestal, mineira e eólica ao servizo dos grandes poderes económicos” e avanza que o BNG presentará, proximamente, unha proposta de lei para mudar o actual modelo eólico “depredador” do PP e protexer o territorio galego.
Tras a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez para explicar as medidas da loita contra o cambio climático, o deputado cualificou ao goberno galego de “Exterminator” e de dirixir unha consellería de “pouco ou nada de ambiente”. Para o deputado do BNG, a comparecencia de Vázquez foi unha comparecencia de “propaganda e autobombo” na que non quixo, dixo, explicar a “espantá e peche abrupto” da reunión do Consello galego de Medio Ambiente. A súa comparecencia, reiterou Bará, é “unha tomadura de pelo” ao parlamento e explicou que a titular de Medio Ambiente tiña que dar explicación do acontecido , e por iso dende o BNG pedimos que comparecera nesta sesión plenaria.
Na súa intervención, o parlamentario leu o texto das asociacións que participaron na reunión da que a conselleira “fuxiu” e que sufriron o “veto” ao debate e votación de dúas propostas. Un asunto, incluído na orde do día para votar os trámites dos proxectos eólicos e a necesidade dunha avaliación estratéxica do Plan sectorial eólico, coa aprobación de proxectos “fragmentados” e informar sobre propostas de sustentabilidade e o encaixe dun modelo enerxético neste eido.
Bará volveu acusar á titular de Medio Ambiente de “levantar a reunión” para impedir a votación dos dous asuntos e o ultimo punto de rogos e preguntas.
Por outra parte, o nacionalista tildou de “propaganda verde” as conclusión da viaxe da conselleira a Glasgow, tres meses despois, e como mérito asistir a unha conferencia no público e unha foto ante un panel do foro. Vostedes, afirmou, “non loitan contra o cambio climático” porque a “Xunta é unha grande fábrica do cambio climático e da emerxencia ambiental” e mesmo presume da redución de emisións nun “23,8%” cando esta redución débese ao peche das térmicas. Esta redución, recalcou, “nada ten que ver coas políticas da Xunta, está relacionada coa desertización industrial de Galiza”.
O deputado afirmou que o goberno galego está obrigado a cambiar a estratexia do cambio climático, obrigado polas normativas europeas e do estado, e a pesar de anunciar máis de mil millóns de euros para esta estratexia, “no seu documento só aparecen 250M€ para a extinción de incendios”, esta “é a súa principal política contra o cambio climático, apagar lumes porque teñen o monte galego convertido nunha grande extensión de combustible”.
Na súa opinión, urxe abordar as políticas de adaptación con políticas sectoriais para adaptarse ao cambio climático con estudos e informes da evolución “dos que vostedes carecen”.
O PP, remarcou “son os axentes do cambio climático, delegados e sucursais das grandes empresas” que veñen a Galiza a “rapinar” e ábrenlle as portas modificando leis a súa medida para facilitarlles o “espolio e a depredación eólica” como constatan as sentenzas do TSXG por vulnerar as normativas vixentes.
“O PP maltrata o medio, os humidais, as lagoas, as turbeiras, son esenciais para frear o cambio climático” con política de degradación e incluso “paralizando a Rede Natura”. Neste sentido lembrou que no ano 2012 esta paralización favoreceu a destrución de moitos espazos con proxectos eólico.
Na replica á conselleira de Medio Ambiente, o deputado anunciou que o BNG presentará proximamente unha proposta de lei cara unha norma que defenda o territorio das políticas depredadoras e dun modelo eólico amplamente rexeitado polos goberno municipais, “de todos os signos” e da maioría social.