Luís Bará acusa á Xunta de “malversación de persoas e medios” nos grupos de emerxencia supramunicipal
Nunha pregunta parlamentaria denuncia a situación laboral e salarial dos dos GES e pide explicacións sobre a utilización de persoal e medios dedicados a outras funcións municipais diferentes ás emerxencias
O deputado do BNG, Luís Bará afirmou hoxe, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, que a Xunta é responsable das funcións, recursos materiais e condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais ao contar coas máximas competencias neste ámbito.
Trala resposta do director Xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor Pérez, o deputado replicou que o goberno galego non pode responsabilizar a outras administracións eludindo a súa obriga como marca a lei, si a lei non lle gusta ao PP, dixo, “ten que cambiala” pero a Xunta é a responsable da máxima coordinación e dunha cobertura xeral cunha resposta “eficiente e eficaz”.
O deputado insistiu na responsabilidade da Xunta, á hora de garantir a cobertura dos servizos de emerxencias con medios e salarios homologados e non como até agora, convertido nun sistema fragmentado e nun “reino de Taifas”. Neste sentido, denunciou que “a Xunta non está a facer o seu traballo” porque non supervisa as condicións destes servizos. “As condicións dos grupos de emerxencias non poden depender de maneira diferente segundo a deputación ou concello”, asegurou o nacionalista.
Durante o debate da pregunta do BNG na comisión de Administración Xeral, o deputado do BNG amosou diversas fotografías para evidenciar que os recursos dos grupos de emerxencias supramunicipais non se correspondían coas funcións e condicións defendidas polo director xeral. Bará ofreceu a Luís Menor unha copia do informe elaborado polos propios grupos de emerxencias denunciando, mesmo con fotografías persoal dos GES “cambiando lousas para o concello, traballando sen a roupa adecuada en incendios urbáns, locais deteriorados e vehículos reconvertidos en transporte de viaxe e obras”.
Tras denunciar as condicións laborais e salariais dos grupos de emerxencias supramunicipais, o deputado preguntou se a Xunta supervisa os medios e as funcións para as que foron creados e volveu cualificar esta situación de “malversación de persoal e obras”.