Luís Bará acusa a Feixóo e Abel Caballero de ser os enterradores da área metropolitana de Vigo
O BNG pide que o concello de Gondomar sexa incluído no transporte da área metropolitana de Vigo
O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei para incorporar ao concello de Gondomar ao transporte metropolitano da Área de Vigo.
O nacionalista denunciou que o “enfrontamento” entre o presidente da Xunta e o alcalde da cidade olívica está a provocar unha parálise da Área metropolitana e de iniciativas para mellorar o abastecemento da auga potable, infraestruturas ou a paralización do Campus do mar, a estación intermodal, a urbanización de acceso a Vigo dende AP-9 e o transporte metropolitano.
Bará acusou a Feixóo e Caballero de ser “os enterradores da área metropolitana ”e ter “dinamitado, a partes iguales” o traballo para poñela en marcha.
Para o nacionalista, Concello de Vigo e Xunta viven confortablemente instalados na confrontación e non lles importa que as súas decisións prexudiquen a miles de persoas. Ante esta situación, Bará fixo un chamamento “ao consenso” e pediu que o concello de Vigo abandone a posición “cerril” que mantén coa Xunta e tamén cos concellos limítrofes como Mos, Redondela, Nigrán, Cangas, Moaña e Gondomar. O deputado explicou que Vigo conta cun grande potencial grazas ás miles de persoas procedentes doutros concellos que traballan nesta cidade. A “liorta monumental” entre Feixóo e Caballero prexudica a 460.000 persoas da área de Vigo que non poden acceder a servizos comúns, equipamentos e investimentos previstos na lei da Área metropolitana. Nesta liña, asegurou que pode haber solucións dialogadas para deixar sen efecto unha parte do convenio do transporte e ao tempo permitir que as persoas da contorna e cidadanía de Vigo obteña beneficios.
Gondomar solicitou no 2016 a incorporación ao transporte metropolitano
Para o deputado, o concello de Gondomar é “unha vítima colateral” do enfrontamento entre Vigo e a Xunta que “vetaron a súa entrada” no convenio do transporte metropolitano no ano 2016. Unha situación, dixo, que pecha a porta a 16.000 persas privadas das vantaxes do uso da tarxeta de transporte metropolitano, entre elas a gratuidade para as persoas menores de 19 anos.
Luís Bará criticou á actitude “sectaria” que mantén a Xunta, o concello de Vigo e a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez afirmando de maneira impropia que o “concello de Gondomar ten que poñerse á cola porque o que o que foi a Sevilla perdeu a silla”.
O concello de Gondomar é “o único que non entrou” no convenio do transporte a pesar de cumprir con todas as condicións e trámites necesarios. Bará apelou á “lealdade institucional” e a colaboración para acadar un “transporte sostible” polo que pediu que Xunta e concello de Vigo abandonen “a confrontación e sectarismo” en beneficio da cidadanía.
Os votos en contra do grupo maioritario do Partido popular impediron que a proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Luís Bará prosperara.