Luís Bará acusa ao PP de “boicotear pola porta de atrás” e de forma unilateral a declaración de zonas tensionadas de vivenda
O deputado do BNG reclámalle ao Goberno de Rueda que deixe de “facer oposición a Galiza e aos concellos” cos cambios na Lei de Acompañamento
Critica as condicións que pretende impoñer aos concellos e advirte de que a vía escollida creará conflitividade e se fai con conivencia da patronal inmobiliaria
O deputado do BNG Luís Bará acusou este luns ao Goberno do PP de “boicotear pola porta de atrás” e de maneira “unilateral” a declaración de zonas tensionadas de vivenda, cargando aos concellos cunhas competencias que debe exercer a Xunta e establecendo unhas condicións que, na práctica, perseguen que “non se faga nada”.
Bará referiuse así a emenda presentada polo PP á Lei de Acompañamento dos Presupostos de 2024 para modificar a Lei de Vivenda, unha emenda “trampa” que, ao seu xuízo, dificulta a declaración de zonas tensionadas, creará conflitividade institucional cos concellos, e responde aos intereses da patronal inmobiliaria, que obrigatoriamente terá representación nas mesas sectoriais que se terán que crear para a tramitación. “É como poñer o raposo a coidar das galiñas”, asegurou.
O viceportavoz do Bloque no Parlamento instou ao Goberno de Alfonso Rueda a que “deixe de facer oposición a Galiza e aos concellos” e rectifique este “procedemento tortuoso, torticeiro e enrevesado” que, segundo salientou, ten por obxectivo “poñer atrancos” ás corporacións municipais que amosen interese nesta figura pensada para controlar o prezo do mercado.
Explicou, neste sentido, o que en Galiza existen 120 concellos que a priori cumpren os requisitos esixidos para declarar zonas tensionadas de vivenda e algúns, como Santiago, A Coruña ou Pontevedra, xa teñen amosado interese en que se faga ou o están estudando. Eses requisitos, tal e como establece a norma estatal, son que o custe da vivenda e os gastos de subministración básicos da mesma represente o 30 % ou máis da media da renda familiar na zona ou que o incremento do prezo da vivenda supere nun 3 % o incremento do IPC acumulado nos úĺtimos 15 anos (do 14,5% entre 2017 ao 2022).
O procedemento que pretende impoñer o PP aos concellos implicaría, entre outras cuestións, a creación dunha mesa sectorial “na que curiosamente deben estar representados os máis interesados en que non baixe o prezo da vivenda” , dixo en alusión aos colexios profesionais ou asociacións de administradores de fincas, axentes da propiedade inmobiliaria e persoas promotoras de vivenda. “Isto está escrito ao ditado da patronal”, considerou Bará, que criticou que, pola contra, non se cite a outros colectivos como consumidores ou demandantes de vivenda.
O PP quere cargar tamén aos concellos coa recollida de datos “que son oficiais e que en moitos casos xa ten a Xunta ou o Goberno central”, así como coa elaboración da memoria xustificativa e o plan de medidas a desenvolver para corrixir os prezos no mercado inmobiliario. Será sen embargo a Xunta, a través do IGVS, quen aprobe ou non a declaración de zonas tensionadas de vivenda. Se a Xunta non resolve nun prazo de seis meses, os concellos poderán ir á vía do contencioso administrativo.
“Está claro que o PP quere torpedear de maneira descarada a declaración de zonas tensionadas de vivenda”, insistiu o deputado nacionalista, que lembrou que o equipo de Rueda manifestouse en diversas ocasións contra esta figura e agora “dá un xiro de guión” que é unha “auténtica trampa”.
Bará, que xa anticipou que se o BNG chega á Xunta será o Goberno galego quen promova en colaboración cos concellos este tipo de zonas para controlar o prezo do mercado así como os plans coas medidas para iso, reclamou ao PP que rectifique retirando esta proposta e abrindo unha vía de diálogo cos concellos a través da Fegamp para estudiar o procedemento máis adecuado.