Luís Bará acusa ao goberno do PP de complicidade co espolio legaliza da suba das peaxes da AP-9
Nunha interpelación ao goberno sobre o funcionamento da AP-9 o deptuado do BNG, Luís Bará cualificou de “infamia e veto vergoñento” a negativa da mesa do Congreso, presidida por Ana Pastor, para iniciar a tramitación da lei de transferencia da AP-9 que contou co apoio unánime da Cámara galega. O nacionalista lembrou que Lei para a transferencia da AP-9 foi promovida polo BNG.
O nacionalista volveu a explicarlle á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez que o BNG presentou diversas medidas para mellorar as condicións da AP-9 entre as que destacou, un protocolo ante as retencións, incremento do persoal e expedientes sancionadores a concesionaria contra a súa mala xestión. Todas estas medidas, dixo, non foron atendidas polo Goberno galego.
No ano 2011, explicou Bará, foi firmado un convenio entre o Ministerio de Fomento e a concesionaria que supón o incremento do 1% acumulativo e durante anos, vostedes “aplaudiron ese convenio” que puña a primeira pedra da ampliación da ponte de Rande. “Puideron cambiar ese convenio” para que as obras de ampliación repercutiran nos orzamentos do Estado ou nos beneficios da concesionaria con solvencia para financiar esas actuacións pero en ningún momento amosaron intención de facelo.
Vostedes, reiterou, “son colaboracionistas” da aldraxe e espolio ao que están somentendo a Galiza coa AP-9. O PP, o Goberno galego e Feijóo son “servís”, tanto ao goberno de Madrid como ás empresas amigas nas que despois ocupan un posto nos consellos de administración.
O BNG, “non vai parar” e seguirá defendendo os intereses de Galiza e para iso continuaremos denunciando este espolio ata que consigamos o rescate e transferencia da AP-9, concluíu.