Luís Bará: "A abstención e a división do voto na esquerda só serven para dar a victoria ao PP"
O cabeza de lista do BNG en Pontevedra, Luís Bará, fixo hoxe dende Bueu un chamamento á concentración “de todo o voto galeguista, de todo o voto nacionalista, de todo o voto da xente que lle quere a este país” arredor do BNG de Ana Pontón por ser “a auténtica opción da esperanza e futuro para Galiza, a opción que mobiliza as ansias dun cambio galego que abra un tempo novo para o noso país”.
Acompañado das tamén candidatas da comarca Paulo Ríos Santomé e Miriam Ferradáns, o cabeza de cartel destacou que é posible un cambio na Xunta de Galiza porque hai unha maioría social que o quere: “ao 60% da xente, segundo as enquisas, non lle gusta o goberno do Partido Popular”, dixo. De feito, subliñou que hai esa maioría social descontenta que xa desaloxou ao PP dos gobernos municipais e das deputacións, polo que pediu que agora “ten que haber agora tamén unha maioría social nas urnas, porque se unha parte queda na casa, seguirá gobernando o Partido Popular”, indicou. “É fundamental que haxa unha grande mobilización de aquí ao 12X, unha mobilización por terra, mar e aire, un incremento da participación porque a abstención é a grande aliada do Partido Popular. Tamén é aliada do Partido Popular a división do voto”, enfatizou.
O cabeza de cartel destacou que o BNG afronta con optimismo e unha grande motivación estas eleccións porque “hai partido” e non hai nada decidido. Lembrou que unha grande maioría de votantes aínda non decidiron o voto, máis de 700.000 persoas que lle poden reverter o resultado o 12X: “Abonda con que o Partido Popular perda un escano por provincia para mandalo á oposición e confinalo no banco da oposición”.
Ao principio da súa intervención, así mesmo, Bará fixo referencia á problemática que está a vivir a veciñanza da illa de Ons –parte dela asistente ao mitin-, ante ás e ós que se comprometeu a traballar no seu favor dende a Xunta de Galiza, criticando a falta de respecto do goberno do Partido Popular ao non recibir nin atender ao colectivo. Destacou, neste sentido, que é preciso convocar a Mesa por Ons e respectar o acordo sobre o acceso da veciñanza á illa. “Hai quen quere proclamar á illa Patrimonio da Humanidade. O que eu digo é que o patrimonio da illa é a súa humanidade”, subliñou entre aplausos.