Luís Bará: “O 18F hai que decidir se poñer na Xunta un goberno do BNG para a maioría social ou seguir cun PP que goberna en coalición coas empresas do IBEX e as portas xiratorias”
O cabeza de lista destaca en Cambados que o Bloque na Xunta “porá as súas necesidades do Salnés na axenda fronte ao esquecemento de Feijóo e Rueda”
Rexeneración da ría, mellora da sanidade, aposta polo comercio local e prazas para maiores no Pazo de Montesacro convertido en residencia pública, algúns dos compromisos estratéxicos da formación nacionalista tras o 18F
“O 18F hai que decidir se poñer na Xunta un goberno do BNG para a maioría social ou seguir cun PP que goberna en coalición coas empresas do IBEX e as portas xiratorias”. Esas foi unha das ideas centrais que o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, destacou hoxe no mitin de Cambados no que tamén participaron a candidata da comarca Montse Prado e o voceiro municipal Liso González.
Bará destacou que nos vindeiros 15 días decidiranse os vindeiros catro anos. Salientou que o cambio estase “tocando coas mans” pero insistiu en que, a pesares das boas sensacións cara o BNG, non está nada feito, xa que a Presidencia da Xunta “pode caer para un lado ou para outro só por unha presa da votos”.
Por iso, pediu a toda a xente unha grande mobilización e participación e que se reúna na papeleta do Bloque todo o voto do cambio, xa que “é a única alternativa real ao Partido Popular” e calquera outra opción beneficiará aos ‘populares’. “Non debe perderse nin un só voto”, afirmou.
O cabeza de cartel subliñou que “non hai color” entre a candidata do BNG, Ana Pontón, e Rueda. Tamén salientou a diferenza de proxecto e de modelo que defende a formación nacionalista e os populares. “Nós estamos a facer unha campaña propositiva, explicativa, traballada e estudada, cun programa serio, solvente e rigoroso”, dixo Bará, contrastando co balance do Partido Popular nos últimos 15 anos que resumiu como “a nada” a pesar de manexar miles de millóns.
O número un na provincia destacou que o BNG dende a Xunta será un aliado do Salnés, que porá na axenda as súas necesidades fronte ao esquecemento do Partido Popular.
”Nós teremos un goberno decente”, dixo, que porá no centro o fortalecemento dos servizos públicos esenciais, o ensino, as políticas sociais, unha sanidade pública “na que poder entrar coa tarxeta do Sergas e non coa de crédito”, e que porá o país a producir aproveitando os seus recursos.
Subliñou que o Bloque será o goberno que recupere e rexenere o tesouro que é ría de Arousa, cuxo saneamento segue a ser unha asignatura pendente, xa que aínda persisten puntos de vertidos contaminantes coa consecuente baixada constante de capturas e ingresos no sector do mar e marisqueo. “Estas eleccións tamén son para acabar con iso”, insistiu.
Sanidade, comercio, e prazas públicas en Montesacro
A candidata da comarca Montse Prado asegurou, pola súa banda, que estas non son unhas eleccións máis. Insistiu en que “non podemos seguir máis tempo mirando como se deteriora o tecido económico, a capacidade, o potencial e os recursos do país” e que nestes 15 anos o PP “ninguneou” á comarca do Salnés.
A nacionalista fixo un balance nefasto das tres últimas lexislaturas do PP nas que se produciu un “desmantelamento” do tecido económico e, como consecuencia, do emprego na zona. Falou Prado de que a Arousa está convertida nun deserto industrial coa desaparición de empresa tras empresa un sector estratéxico como a conserva “sen que o PP na Xunta mova un dedo”, e que os polígonos seguen sen infraestruturas básicas.
A sanidade foi outra das áreas críticas para a comarca, destacou a candidata, asegurando que está “esnaquizada”, sendo a área sanitaria o quilómetro cero da desfeita xeral no país. Abondou tamén nos servizos sociais, e salientou que a Xunta do PP non creou nin unha soa praza pública de residencias de maiores, poñendo sobre a mesa o compromiso do BNG de mercar o Pazo de Montesacro (o Asilo) para converter en públicas as prazas residenciais que ten.
Nomeou tamén a situación límite do comercio de proximidade, a esmorecer e con 1.500 postos de traballo perdidos no sector polas políticas de aposta polas grandes superficies do Partido Popular. Confrontou fronte a isto o modelo de aposta do comercio local do Bloque que, dixo, será “valente” dende o goberno, e aplicará unha moratoria para poñer freo a novas instalacións e esixirá tamén un gravame aos seus beneficios.
“O cambio na Xunta é urxente e imprescindíbel. Porque non podemos seguir perdendo máis tempo sen ter proxecto de país, para a comarca do Salnés e para Cambados. Galiza necesita cambio para avanzar, e para que de verdade comecen a mudar as cousas e facerse valer. Precisamos un cambio galego, que garanta un goberno nacionalista con Ana Pontón como presidenta”, finalizou.