Luís Bará: “O 12X hai que abrir un novo tempo na Xunta da man do BNG que poña o país a funcionar ao servizo da maioría social”
O cabeza de lista do BNG subliña que na actual crise é fundamental “dar a batalla” na defensa dos dereitos da clase traballadora fronte aos poderes económicos que queren “sacar tallada”
Avoga por un cambio de status de Galiza para ter capacidade de decisión e intervención en sectores estratéxicos
O BNG presentou hoxe en Vigo ante representantes de delegadas e delegados sindicais da CIG as propostas do seu programa de goberno en materia económica, política laboral e de fortalecemento e impulso dos servizos públicos. O cabeza de lista Luís Bará, acompañado da candidata Montse Prado, asegurou que o 12X é o momento para abrir un novo tempo político na Xunta da man do BNG que poña Galiza a funcionar activando todos os recursos do país ao servizo da maioría social.
Bará falou dos once anos de parálise e de devalo do PP nos que houbo unha sangría demográfica, en materia económica, industrial, de emprego e deterioro de servizos públicos fundamentais convertidos en negocios. Como contrapunto, sinalou que o BNG quere poñer en marcha todo potencial que ten Galiza “cun proxecto de país, transformador, liderado polo nacionalismo para facer fronte ás políticas da dereita e do centralismo que nos trouxeron ata aquí”.
Dentro do programa para o futuro o BNG destaca que é fundamental activar un cambio de status político de Galiza para ter capacidade de decisión e intervir en sectores que son fundamentais, garantir a intervención pública na economía nacionalizando sectores económicos e empresas estratéxicos, activar un plan social de vivenda, e crear unha banca pública galega que fomente a intervención e actuación do goberno en sectores produtivos e tamén a través da obra pública.
Outro aspecto fundamental que Bará puxo sobre a mesa é a aposta pola innovación e a investigación, creando un ecosistema galego de investigación coas universidades e os centros tecnolóxicos e as empresas que permita transferir coñecemento ao tecido produtivo. Tamén apuntou a necesidade de desenvolver un programa económico que active os sectores onde Galiza ten capacidade de medre, de xeración de emprego e riqueza dende unha perspectiva de país e de reparto desa riqueza para beneficiar á maioría social.
Finalmente, Bará cualificou de fundamental na crise económica que se está a vivir “dar a batalla” na defensa dos dereitos laborais e salariais da clase traballadora que, ao seu entender, demostrou ser esencial para facer fronte a toda a emerxencia sanitaria e social provocada pola crise da COVID-19. “A defensa dos seus dereitos e intereses a partir de agora ten que ser fundamental porque imos asistir a unha batalla onde os poderosos e os grandes poderes económicos van querer sacar tallada desta crise”, subliñou, engadindo que o BNG vaise poñer do lado da clase traballadora e da clase do país.
“Co liderado do BNG, co impulso e liderado de Ana Pontón, Galiza vai abrir unha nova etapa a partir do 12 de xullo na que a clase traballadora vai ser fundamental, tamén os seus dereitos, o traballo e as expectativas dun traballo digno para a xente deste país, sobre todo da xente moza, que non pode ter no paro, na precariedade ou na emigración, as únicas alternativas vitais”, finalizou.