Ana Pontón: "Lores é a única alternativa para que Pontevedra siga o seu avance"
Ana Pontón: “Que todo o voto de país e rebelde se faga sentir o 26M é encha as urnas de papeletas BNG”
A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Pontevedra e Vigo para apoiar as candidaturas que encabezan Miguel Anxo Fernández Lores e Xabier Pérez Igrexas, e pediu unha gran mobilización o 26M para encher as urnas de votos ao BNG a favor dun modelo municipal de éxito que quere estender por Galiza.
“Que todo o voto de país, nacionalista, inconformista e rebelde se faga sentir o 26M e encha as urnas de papeletas do Bloque, porque somos a garantía de que vai haber a fronte dos concellos unha forza política con solvencia, coherencia, con ideas claras e cun modelo de éxito. Onde gobernamos demostramos que se pode facer política doutra maneira, que hai outro país posible”, recalcou.
Pontón colocou Pontevedra como emblema do modelo municipal de éxito do BNG, cun modelo transformador que constrúe referentes en calidade de vida e evidencia do que é capaz este país “cando confiamos nas nosas propias forzas”. “Representa una aposta segura para todas as persoas que queren para os seus concellos o que se está vivindo en Pontevedra e alí onde gobernamos”.
De cara o 26M instou á veciñanza de Pontevedra a dar un apoio rotundo ao proxecto que lidera Lores “para que esta cidade siga avanzando”, e para iso “todas as persoas que queren que Pontevedra siga cara adiante teñen que coller a papeleta do BNG, apoiar o equipo que encabeza Lores, garantía de que o mellor está por vir sobre a base do gran traballo feito”.
Ademais, afondou Pontón, no hai alternativa algunha ao proxecto nacionalista na cidade do Lérez. “O que hai enfronte non é unha alternativa de futuro senón de volver cara atrás aplicando fórmulas e políticas fracasadas, só a papeleta do BNG garante que Pontevedra siga avanzando e por iso pido unha mobilización masiva, que ninguén se quede na casa para que o está en marcha siga adiante con máis impulso”.
Pola súa parte, Lores tamén fixo un chamamento á mobilización pedindo “votar masivamente” e tendo en conta que o 26M está en xogo “que Pontevedra sega avanzando, dando un paso adiante, ou volver atrás”. Destacou o profundo cambio da veciñanza desta cidade que hoxe “ten confianza no conseguido, nas súas propias forzas e xogámonos seguir avanzando”.
En Vigo, xunto con Peréz Igrexas e outros integrantes da candidatura, augurou que o BNG volverá entrar con forza no concello, porque moitos veciños e veciñas desta urbe van apostar “por construír un Vigo que avance lonxe da confrontación estéril, tendendo pontes, por avanzar nunha cidade con máis política social, mellor urbanismo para as persoas, desde o orgullo da nosa lingua e cultura”.
Lembrou a “forte pegada” que o Bloque ten deixado na cidade cando tivo responsabilidade de goberno e, para construír un Vigo en positivo, “é importante que o BNG volva con forza á corporación municipal
Manifesto Somos cultura, temos lingua
Pola súa parte, o candidato á Alcaldía destacou o manifesto público que ven de lanzar o BNG baixo o título Somos cultura, temos lingua, que denuncia “a desertización cultural de Vigo”. Representantes de distintos ámbitos da creación cultural demandan unha verdadeira política cultural desde o concello, tras o “desmantelamento” dos programas culturais que funcionaban na cidade e tras o “baleirado” de contidos da rede de museos da cidade.
“O BNG aposta por democratizar o acceso social á cultura, convencidos de que facer chegar a cultura aos barrios e as parroquias é a mellor maneira de humanizar de verdade a cidade, en particular pensando nunha mocidade creadora”. A supresión dos castro-concertos, exclusión da música en galego na programación das festas que se fai desde o concello, a falta de espazo para os grupos e bandas locais foron algúns dos retrocesos denunciados por Pérez Igrexas.
Neste sentido, dixo, “o noso compromiso é facer unha emenda á totalidade, un revulsivo, un xiro de 180 grados que permita volver colocar Vigo como unha cidade punteira en políticas culturais que é onde debe estar”, concluíu.