O líder campesiño e altermundista José Bové, en Galiza o 1º de Maio para apoiar a Ana Miranda
Candidato do Grupo Verdes/ALE á presidencia da Comisión Europea, en competencia con Jean-Claude Junker, Martin Schulz ou Alexis Tsipras, Bové participará na manifestación do 1º de Maio en Vigo con Ana Miranda, o portavoz nacional, Xavier Vence, e unha ampla representación do BNG, nunha xornada de apoio á candidata nacionalista, que incluirá unha comparecencia ante os medios de comunicación e, xa en Santiago de Compostela, un acto con agricultores, gandeiros e ecoloxistas.
Labrego, símbolo da loita contra a globalización e as multinacionais da alimentación, como eurodeputado nesta Lexislatura exerceu como portavoz na defensa da proposta do Grupo Verdes/ALE para unha Política Agraria Común (PAC) pensada para os que viven traballando a terra e non para os rendistas da terra, en coincidencia coas propostas formuladas polo BNG a través de Ana Miranda.
Entre as iniciativas defendidas por ambos, vincular as axudas da PAC á produción e non ao número de hectáreas das explotacións para apoiar aos pequenos e medianos produtores en contra dun sistema que prima aos grandes terratenentes e aos consorcios económicos do agronegocio.
Neste mesmo sentido, as propostas destinadas a garantir uns prezos mínimos aos produtores, rendas xustas, a continuidade do sistema de cotas leiteiras, ou as axudas para fomentar a incorporación de xente nova ao rural.