A lei de acompañamento dos Orzamentos do PP é unha estafa democrática
“É un caixón de xastre que o Goberno aproveita para autoemendarse por parroquias furtando o necesario debate cos sectores afectados”, denuncia Olalla Rodil
Unha vez máis a Xunta utiliza a Lei de acompañamento de orzamentos como “caixón de xastre” para modificar pola porta de atrás e sen diálogo unha vintena de leis, incorporando medidas fiscais de carácter regresivo e medidas administrativas que se aplican desde a opacidade e sen debate algún cos sectores afectados polos cambios.
“Pese a que na Cámara fartámonos de escoitar chamamentos ao diálogo, á hora da verdade actúan unilateralmente, que é como se senten cómodos”, denunciou a deputada Olalla Rodil no debate parlamentario das contas públicas para 2018.
“Reforman con este mecanismo 20 leis, algunhas aprobadas fai apenas un ano polo PP, pregoadas a bombo e prato como leis para o futuro pero que van autoemendando por parroquias”, criticou Rodil, quen citou entre os textos modificados de tapadillo a Lei do Solo, a Lei de implantación de iniciativas empresariais, a Lei de montes, a Lei de prevención de incendios, “precisamente para recortar fondos e colaboración coas entidades locais tras a vaga de lumes”.
Varias das leis que se modifican na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2018 xa foron parcheadas e reformadas en anteriores ocasións facendo unha utilización “opaca” e deturpada deste mecanismo. A deputada denunciou que, en moitos casos, trátase de modificacións de moito calado, e puxo como exemplo os cambios que afectan aos montes veciñais en man común “que se levan a cabo de maneira absolutamente antidemocrática, sen diálogo algún coas comunidades”.
“Desde o BNG rexeitamos o uso perverso que se está facendo desta lei, unha práctica que, por habitual, non deixa de ser unha estafa á democracia. Estes mecanismos teñen un carácter excepcional e urxente e deben incluír apenas aquelas reformas legais que sexan indispensábeis para a correcta execución orzamentaria. Non pode servir como porta de atrás para evitar o debate e silenciar as críticas. Nin tampouco para facer o que lles pete por moita maioría absoluta que teñan”, concluíu Rodil.