As lapas arrasan Monte Pindo na "campaña extraordinaria" de Feijóo

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, desprazouse ata o Concello de Carnota para coñecer de primeira o alcance do incendio que xa ten arrasado máis de 1.600 hectáreas no Monte Pindo incluído na Rede Natura, e expresou a total solidariedade e apoio da formación nacionalista á veciñanza e a todas as persoas que participan na extinción do incendio.

No medio do escenario “dantesco”, deixado polo lume, Vence interpelou ao presidente da Xunta: “Pregunto a Feijóo se despois de ver arrasado a emblemática paraxe natural de Monte Pindo polas lapas mantén que é unha campaña extraordinaria na loita contra o lume, nunha declaración que merece entrar na historia da irresponsabilidade política”.

O BNG considera que o monte arde porque non existe unha política agraria e forestal que acabe cun problema endémico, e sinala ao Goberno de Feijóo como o principal responsable “por non adoptar as medidas necesarias para acabar coas causas estruturais que fan arder o monte ano tras ano”, argumenta Vence.

“Non é un problema do mes de agosto, nin se soluciona con bravatas arredor dos incendiarios, nin atribuíndo a responsabilidade a comportamentos individuais, nin con obviedades como a de que o monte arde porque lle plantan lume”, criticou Vence.

“Precisamos unha política agraria e forestal que poña en valor os montes, tanto con usos agrogandeiros como de lecer, e iso é o que ten que facer o Goberno da Xunta”.

No caso específico de Monte Pindo, o BNG pide a declaración de zona catastrófica e un plan urxente de recuperación da zona afectada. Vence foi claro ao denunciar que o lume que arrasou esta paraxe natural é “resultado directo da inacción do Goberno galego e do veto sistemático do PP no Parlamento galego a declarar o Monte Pindo como parque natural, como solicitou o BNG, o que suporía uns investimentos e unhas medidas de preservación que terían impedido o lume ou minizado os seus efectos”.

O BNG xa confirmou o seu apoio e participación a manifestación do 6 de outubro convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural.