Jorquera xulga a carta de El-Rei impropria da neutralidade que lle é exixíbel ao Xefe do Estado
Na súa misiva, El-Rei descualifica implicitamente os movementos soberanistas e nacionalistas e di que non é tempo de "dividir forzas" ou "perseguir quimeras".
A xuízo do BNG, son as políticas do PP as que están a pór en cuestión o modelo de convivencia."O Partido Popular está a levar á sociedade á beira da fractura, ao cargar os custos da crise sobre as clases medias e baixas con políticas que se fan en beneficio exclusivo do capital financeiro, da grande banca privada".
"Quen está a levar á quebra o modelo de convivencia son as políticas centralistas dun Partido Popular que utiliza a crise como coartada para centralizar o poder político e a riqueza", di Jorquera.
Atacar o autogoberno, atacar o benestar
"Atacar o autogoberno e centralizar competencias en Madrid, invandindo os espazos competenciais das comunidades, é atacar o Estado do Benestar, pois non esquezamos que son as comunidades autónomas as que xestionan os servizos públicos fundamentais, a comezar pola educación e a sanidade", engade.
A cohesión social é a condición previa necesaria para que exista convivencia. "As políticas do PP lévannos cara á fractura social ao empobrecer as clases medias e baixas, en beneficio exclusivo do capital financeiro", argumenta Jorquera.
Non é posíbel tampouco a convivencia se non se respeita o dereito dos pobos ao seu autogoberno, dereito que ameaza o PP todos os seus días coa súa ofensiva centralista, conclúe o candidato do BNG á presidencia da Xunta.