Jorquera:"A trama dos cursos mantiña en nómina a cargos públicos"

O BNG solicitou abrir unha comisión de investigación sobre a presunta fraude e “malversación” de fondos públicos en cursos de formación sufragados pola Xunta de Galiza que o PP rexeitou

 Pleno.- O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera reclamou hoxe no Parlamento galego crear unha comisión de investigación sobre a “malversación” de fondos públicos en cursos de formación sufragados pola Xunta de Galiza, “trama que tiña en nómina a cargos públicos e xestionaba contratos cos responsábeis de organismos da Xunta”.

Na defensa da solicitude da Comisión que o PP rexeitou, Jorquera explicou que o levantamento do segredo de sumario da Operación Z permite coñecer datos sobre a fraude na organización dos cursos que apuntan a unha “trama de entidades ficticias” creadas para organizar cursos que en moitas ocasións “nin chegaron a realizar”.

Cartos en B para sufragar o Partido popular

O parlamentario afirmou que a trama dos cursos desviaba diñeiro das subvencións para “pagos en negro o Partido popular” e mantiña relacións privilexiadas cos seus dirixentes, incluído o propio Presidente da Xunta. Neste sentido, lembrou que o xefe da trama, Gerardo Crespo admitiu que Pachi Lucas, o “abreportas” durmiu moitas veces en Montepío e foi advertido por Núñez Feijóo dos “pinchazos telefónicos” aos que estaba sometido o que demostra, á xuízo do nacionalista, a existencia dunha grande amizade entre ambos.

“Vostedes están enriba dun volcán e non sei se son conscientes da indignación social que provocan os continuos casos de corrupción”. A sociedade, remarcou Jorquera, xa non lle vale as boas palabras, as declaracións retóricas e “facer que se fai”.

A sociedade está farta de corrupción, quere limpeza

Hai que blindar a verdade e “non de boquilla”, e acabar coa desamortización do patrimonio de todos para que uns poucos fagan negocio. A xustiza, “é lenta” e cando o cancro corroe a democracia, “hai que actuar”, sentenciou.

É necesario investigar no plano político para depurar responsabilidades e no “escándalo” dos cursos de formación, no mellor dos casos “fallaron os mecanismos de control”.

Dende o BNG, advertiu, non lle temos medo a verdade e cremos que hai claros indicios de que estamos ante unha trama “coñecida e consentida” con complicidades ao máis alto nivel.

A sociedade no vai a entender que o Partido popular esixa unha comisión de investigación en Andalucía para investigar os EREs e en Galiza impidan coñecer a verdade da fraude dos cursos de formación. “Se de verdade son demócratas, esa é unha razón máis para investigar”, apoien a creación desta comisión, concluíu.