Jorquera: "O Sistema de Financiamento Local coloca a Galiza á cola"
A través dunha pregunta parlamentaria, o deputado afirmou que mentres os concellos de Madrid receben 354 euros por habitante, en Galiza recibimos 212 euros
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta relativa o financiamento local na comisión de Economía na que lembrou que os concellos galegos representan o 5,92% da poboación do Estado español e o 6,3 da poboación total dos concellos das Comunidades Autónomas, sen embargo só recibe un 5% da participación nos ingresos do Estado.
Asemade, explicou que mentres os concellos galegos reciben 212 euros por habitante, os concellos de Madrid reciben unha media de 354 euros e no conxunto das Comunidades Autónomas, 263 euros
Para o deputado, este reparto coloca a Galiza á cola na participación nos ingresos nun sistema insuficiente e inxusto para todos e todas nós.
Os servizos en Galiza, máis caros
Jorquera explicou que o actual modelo non contempla os custes dos servizos en Galiza, máis caros que no resto do Estado debido á dispersión poboacional e avellentamento da poboación, servizos en moitos casos asumidos polos propios concellos .
Neste sentido, lembrou que máis de mil concellos están empeñados dos que dez teñen a maior débeda con oito nas provincias de Ourense e dous en Pontevedra e Lugo. Un raquitismo económico, dixo ao que hai que sumar as consecuencias da crise económica e o seu impacto na redución de ingresos.
Propostas do BNG para mellorar o Financiamento Local
O deputado afirmou que Galiza precisa dun novo modelo de financiamento baseado na plena autonomía e responsabilidade fiscal que permita a internalización do financiamento das entidades locais galegas pero mentres non se acada este novo sistema, é preciso, reformar o actual para incrementar a contía da participación nos ingresos e dotalo dun marco estábel co fin de asegurar a calidade na prestación dos servizos básicos.
A maiores, engadiu, debe ser transferida á Xunta a contía para que sexa a Administración galega a que realice o reparto dos fondos entre os concellos. Este sistema resultaría máis racional e eficiente para que o reparto atenda á realidade do noso país.
Pola súa parte o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos coincidiu con Francisco Jorquera en que a variable de poboación e a dispersión debe ser unha variable a considerar polo apelou ao consenso coa oposición para negociar o novo modelo de financiamento galego baseado na fusión de concellos.
Na réplica, Jorquera discrepou da solución esgrimida polo director xeral baseada na fusión dos concellos da que dixo, Oza e Cesuras, non é o mellor exemplo. O deputado concluíu a súa intervención reclamado eliminar as Deputacións e non imputar aos concellos custes de servizos que non son da súa competencia como está a facer a Consellería de Traballo e Benestar na formalización de novos convenios entre a Axencia Galega de Servizos Sociais cos servizos sociais e os concellos.