Jorquera reta a Rajoy a que diga que non vai subir o IVE

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, desafiou este domingo ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a que “diga que non vai subir o IVE”.

“Rajoy está a dicer que o rescate á banca española non ten ningún tipo de condicións de carácter macroeconómico. Pois moi ben, se iso é así, eu emprazo ao señor Rajoy a que anuncie que non vai subir o IVE”, afirmou o líder nacionalista durante o encontro que tivo cos meios de comunicación antes de participar na manifestación que hoxe realizou a CIG baixo o lema de Paremos o Saqueo á Clase Traballadora.

O medicamentazo é especialmente lesivo para Galiza porque as pensións das nosas e os nosos xubilados están moi por debaixo da media estatal

“É moi fácil demostrar que o rescate non ten condicións, señor Rajoy. Diga vosté que non vai subir o IVE. Desafíoo a que o faga. Porque subir o IVE significa menos consumo, máis fraude fiscal, máis crise e máis paro”, razoou Jorquera.

Saqueo ao pobo

O candidato nacionalista afirmou que o rescate á banca española estase xa a traducir nun saqueo ao pobo. “Hoxe comezan a aplicar o copagamento, o medicamentazo. Por vez primeira as e os pensionistas van ter que pagar polos medicamentos. Esta é unha medida especialmente lesiva para Galiza, porque as e os nosos pensionistas reciben pensións ben máis baixas que a media estatal”, afirmou Jorquera.

A cousa non fica no medicamentazo: “Sobe a luz e a bombona de butano. E á volta da esquina está o aumento do IVE, que será especialmente gravoso para as clases medias e baixas sobre todo porque vai supor o incremento dos prezos dos produtos de primeira necesidade”, denunciou o candidato nacionalista.

Alén de ser socialmente inxustas, este tipo de medidas agravará con certeza a recesión porque reducirá o poder de compra da grande maioría da poboación. “Desta non imos saír con máis recortes. Os recortes só traen o peche de máis empresas e máis xente ao paro. Precisamos dun drástico cambio de rumo”, defendeu Jorquera.

As nosas alternativas

“Precisamos de Banca Pública Galega, dunha reforma fiscal en profundidade para as grandes fortunas pagaren o que teñen que pagar, necesitamos un mellor financiamento para que a Xunta de Galiza poda desenvolver políticas de crecimento e de criación de emprego”, concluiu.

[gallery link="file" columns="4"]