Jorquera: "Un presidente como Feijóo é unha Wertgoña para Galiza"

O BNG mantivo esta mañá unha reunión con distintas entidades sociais activas na defensa do galego, a plataforma Queremos Galego, a Mesa pola Normalización Lingüística e CIG ensino, na que analizaron a sentenza do TSXG sobre o decreto do galego, na que estiveron o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, a viceportavoz segunda, Ana Pontón e o portavoz de Ensino, Cosme Pombo.

O portavoz parlamentar afirmou, utilizando os termos que circulan nestes días polas redes sociais que “un presidente como Feijóo é unha Wertgoña, unha vergoña para Galiza”.

Referiuse así á reforma da LOMCE impulsada polo ministro Wert e ao feito de que invade competencias autonómicas mais, “o presidente Feijóo, en vez de defender o uso do idioma propio, o que fai é presumir de que o modelo de Galiza se estende a todo o Estado, afirmando que foi un exemplo a seguir pola súa aceptación”.

Fronte a estas afirmacións de Feijóo, o portavoz parlamentar do BNG lembrou a reacción provocada polo decreto do galego no noso país con manifestacións históricas en defensa do galego, catro sentenzas xudiciais en contra, informes do Consello de Europa descalificando a política idiomática da Xunta e o rexeitamento practicamente unánime da comunidade educativa.

O BNG trasladou o seu apoio ás mobilizacións que está preparando a plataforma “Queremos galego” para pedir a derrogación deste decreto e, asemade, anuncia unha “ofensiva parlamentar instando á Xunta nesta dirección”.

Jorquera lembrou que as sentenzas declaran a ilegalidade de distintos aspectos do decreto e “frente a esta realidade, o PP obstínase en manter políticas que impiden a capacitación dos nosos nenos e nenasno idioma do país, políticas lingüicidas, como as que está a promover o goberno estatal cunha reforma da LOMCE como a que impulsa o señor Wert”.

Tal e como expresou Jorquera, as distintas organizacións participantes na reunión acordaron demandar a “inmediata derrogación do decreto da vergoña e instar á Xunta a que recupere unha política educativa en materia lingüística que desenvolva o establecido no Plan Xeral de Normalización Lingüística”.

Mobilizacións convocadas

O portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, anunciou algunhas das mobilizacións que se teñen convocado e lembrou que o único que reivindican é “que se cumpra a Lei de Normalización, a Carta Europea de Linguas Minoritarias, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”.

En primeiro lugar, un manifesto que se pode asinar xa na web da plataforma Queremos Galego, unha convocatoria simbólica para o día 12 do 12 ás doce do mediodía, diante de San Caetano e por último unha grande manifestación o 27 de xaneiro que, tal e como subliñou “agardamos que sexa masiva e por iso chamamos a todas as persoas que amen a lingua galega, fronte a esa tentativa do PP de dividir entre os galegofalantes e os que falan castelán, pero non é así porque todos os galegos aman a súa lingua”.

 

http://youtu.be/IWdAUSIvdOw