Jorquera preguntará Feijóo sobre a prorroga de 60 anos de ENCE

Francisco Jorquera

Ante a negativa do Presidente da Xunta a responder no último pleno, o portavoz do BNG formulará de novo a pregunta a Núñez Feijóo sobre as posibles medidas do Goberno galego contra a decisión do Goberno central “en funcións” de prorrogar durante 60 anos a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntará ao presidente da Xunta pola prorroga de 60 anos a ENCE concedida polo Goberno central “en funcións”.

Na comparecencia ante os medios de comunicación tras a Xunta de portavoces para dar conta dos asuntos do vindeiro pleno, Francisco Jorquera manifestou que “corrupción é que un goberno en funcións entregue a ría de Pontevedra a ENCE”. O mesmo goberno, dixo, que “despachou aos representantes da flota do cerco argumentando que non era posible modificar as cotas de pesca porque “estaba en funcións”.

 “Corrupción”, tamén é privatizar durante outros 60 anos o dominio público asegurándolle a unha empresa privada ganancias por 2.000 M€ pola prorroga a cambio de compromisos de investimento por valor de 61 millóns de euros. Dado que o presidente da Xunta “deu a calada” por resposta na última sesión de control, insistiremos en volver a preguntar se vai tomar algunha medida contra esa decisión.

O PP bloquea a comparecencia de Feijóo para dar explicacións sobre a imputación de Baltar

Por outra parte, o nacionalista anunciou que o Partido Popular bloqueou hoxe a comparecencia de Feijóo, solicitada polos grupos de BNG e AG, para explicar as medidas a tomar sobre o novo caso de corrupción no que está a ser investigado o Presidente do PP de Ourense e da Deputación Provincial, José Manuel Baltar.

Ante a recente imputación do Presidente da Deputación de Ourense, afirmou Jorquera, “Feijóo non pode presentarse como o impulsor da rexeneración democrática do PP cando está mirando para outro lado ante os casos que salpican ao seu partido”.

Jorquera tamén asegurou que Feijóo ten unha “dupla responsabilidade”, neste asunto, como presidente do Partido popular e presidente da Xunta polo que debe iniciar os trámites para expulsar do partido e exixir a dimisión de José Manuel Baltar tras ser imputado por un presunto delito de “suborno e outro de tráfico de influencias”. O BNG preguntará ao goberno que postura vai manter ante o caso Baltar, apostilou.

Por outra parlamentario tamén aludiu a novas tramas de corrupción que salpican ao PP, tanto no Estado como en Galiza. A “Operación Taula” volve desvelar unha nova trama de financiamento ilegal do Partido popular á que hai que sumar o escándalo de ACUAMED ou a apertura de xuízo oral contra Rato pero o mesmo, recalcou, acontece en Galiza coas novas imputacións na Operación ZETA que vinculan a persoas do “círculo íntimo de Feijóo”, como é o Sr. Pachi Lucas.

Asuntos do pleno á iniciativa do BNG

Finalmente, o parlamentario anunciou as propostas que serán debatidas á iniciativa do BNG entre as que destacou: a solicitude dun Plan de medidas urxentes para erradicar a violencia machista en Galiza, accións a levar a cabo polo goberno galego sobre o anteproxecto de lei de Acuicultura porque non abonda co anuncio de pausa. O BNG defenderá a súa retirada definitiva a través dunha proposición non de lei.

Asemade, o BNG tamén solicitará no vindeiro pleno paralizar a aplicación da LOMCE en Galiza e instar ao Goberno do Estado a derrogala. Unha interpelación sobre a precarización do mercado laboral, e unha pregunta ao goberno sobre medidas para o desenvolvemento no ámbito educativo da lei pola igualdade de trato e non discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais Intersexuais (LGTBI).