Jorquera pregunta a Feijóo polo "fiasco" no sector eólico provocado polas decisións do PP
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera acusou ao presidente da Xunta de chegar ao goberno alimentando dúas falsidades: A imposición do galego e a ilegalidade do concurso eólico do bipartito
Na quenda de preguntas ao Presidente da Xunta, o portavoz parlamentario do BNG acusou a Feijóo de chegar ao goberno alimentando dúas falsidades: A imposición do galego e a ilegalidade do concurso eólico do goberno bipartito.
O PP incorreu en desviación de poder
O portavoz parlamentario nacionalista afirmou que a falsidade de Feijóo foi a do concurso eólico do anterior goberno afirmando que era ilegal pero, resulta, explicou Jorquera, que o Tribunal Supremo afirma que a ilegalidade é ter anulado aquel concurso. Vostedes incorreron en desviación de poder e o Tribunal Superior de Xustiza acada de dicir que o que si é ilegal é o concurso eólico do seu goberno, foron vostedes os que provocaron inseguridade xurídica e a consecuencia foi a ruína dun sector no que eramos punteiros, recalcou o nacionalista.
Galiza pasou de ser a maior potencia eólica do Estado español a ocupar a cuarta posición
Jorquera explicou que o ano pasado en Europa medrou o investimento en enerxía eólica nun 40%, en Alemaña foron instalados máis de 6.000 megavatios mentres en Galiza o seu goberno anunciaba que co novo concurso serían investidos 6.000 M e creación de 13.200 postos de traballo pero a realidade foi 0 megavatios instalados,0 euros investidos e ningún posto de traballo creado.
En opinión do parlamentario, a irresponsabilidade e sectarismo de Feijóo saíulle moi cara a Galiza polo que preguntou se vai asumir responsabilidades polo fiasco provocado no sector eólico galego.
Feijóo experto en negar as evidencias
Ademais, Jorquera acusou ao presidente da Xunta de ser un experto en negar a evidencia. En Galiza dixo, existían 5.600 empregos, hoxe non chegan a 1.000, perdeuse máis do 82% e esa é a realidade e o balanzo das súas políticas. As sentenza, engadiu, non se miden a peso e abonda que unha declare ilegal o concurso eólico do seu goberno para que sexa ilegal dende o momento en que sexa firme.
As súa frivolidades sáenos moi caras e xa o acusamos nesta Cámara de actuar de bróker , fixémolo cando viaxou a México para negociar a venda de Barreras a prezo de ganga, quizais, ironizou Jorquera xa estaba pensando vostede en deixar a política para pasar á actividade na empresa privada.
Vostede, concluíu, non só provocou a ruína do sector eólico senón que agora haberá que facer fronte ao pago de indemnizacións millonarias e en troques de admitir o seu fracaso prefire negar a evidencia.