Jorquera: " Non se pode conciliar rebaixa de impostos e Orzamentos expansivos"
O portavoz parlamentario mostrou a súa oposición a uns orzamentos dos que dixo non son expansivos, nin críbeis nin sociais e continúan na senda das desigualdades sociais
Pleno.-O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera no debate de Orzamentos 2016 recalcou que resulta imposible conciliar a rebaixa de impostos cos orzamentos expansivos que defende o Partido popular.
No debate das emendas ao articulado dixo que o Goberno de Feijóo mantén unha obediencia cega cos dogmas do déficit cero e explicou que os impostos son necesarios para dispoñer de recursos para políticas públicas e tamén como mecanismo de redistribución e corrección das desigualdades sociais.
Para o deputado, en Galiza existe un problema de presión fiscal mal distribuída e as emendas do BNG, van na senda de corrixir esta situación. Neste sentido, propuxo suprimir as rebaixas fiscais no imposto de sucesión e doazóns que benefician as rendas máis altas coas exencións e elevar a presión fiscal sobre as rendas altas introducindo máis progresividade nas táboas.
Por outra parte, tamén defendeu crear un imposto sobre as grandes superficies comerciais e un novo imposto sobre os depósitos bancarios nas entidades que operan en Galiza.
Jorquera reclamou corrixir as subas abusivas de impostos indirectos e taxas aprobadas polo Goberno nesta lexislatura.
O BNG pide blindar os servizos públicos
O BNG, manifestou, presentou 34 emendas ao articulado pra blindar os servizos públicos e o gasto social evitando que o recurso de colaboración público-privada serva para entregar servizos e infraestruturas públicas á mans privadas, hipotecando a nosa Facenda. O acontecido no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo é un bo exemplo das razóns, dixo, que fundamentan esta emenda, un hospital que ía custar 450 millóns de euros vai custarnos 1.350 M.
O parlamentario tamén reclamou que a Xunta, en ningún caso, incremente o número de unidades concertadas nos centros educativos e defendeu outras emendas destinadas a reforzar a transparencia e control parlamentar sobre a xestión dos orzamentos creando unha oficina de control parlamentario da execución dos mesmos
Emprego público
Nesta materia, o nacionalista propuxo recuperar a oferta de emprego, servizos públicos de calidade e unha política contraria a redución de persoal e precarización dos servizos. Entre os anos 2011 e 2015, dixo, perdéronse 3.527 postos de traballo no SERGAS polo que propuxo elevar as taxas de reposición, como norma xeral, ao 50 por cento.
Ademais defendeu restituír o poder adquisitivo dos empregados públicos e os dereitos laborais que lles foron conculcados.
Jorquera reiterou que os orzamentos non son expansivos e só recuperan un un 3,68 de todo o que recortaron os sucesivos gobernos presididos por Núñez Feijóo.
Non son orzamentos sociais nin críbeis
A xuízo do deputado, tampouco son orzamentos sociais xa que o gasto das consellerías con políticas sociais medra por baixo da media nin son críbeis máis ben, remarcou son orzamentos continuistas e xa sabemos cales son as súas consecuencias. O mes de novembro Galiza situábase como segundo territorio onde máis se incrementou o paro rexistrado e o medre do PIB no último ano, a penas chega á metade da media estatal, situándonos entre as cinco comunidades con menor crecemento.
Estes son os resultados das súas políticas e por iso mantemos a nosa total oposición a estes orzamentos, concluíu o portavoz parlamentario do BNG.
O Partido popular non aceptou ningunha das emendas defendidas polo BNG.