Jorquera garante unha oposición firme e contundente e pide respecto ao pluralismo

O portavoz do GP do BNG, Francisco Jorquera, anunciou que esta formación política fará unha oposición firme, con

tundente e propositiva, co obxecto de revitalizar o Parlamento como eixo central da vida política.

“Trátase –dixo- de recuperar o Parlamento para que sexa a voz dos cidadáns e de que reflicta, por tanto, o seu pluralismo, que reflicta o mandato das urnas, que rachou coa preponderancia do bipartidismo, por iso PP e PSOE non deben caer na tentación de ir a unha conformación a dous dos distintos organismos da Cámara”.

Carta aos portavoces

Neste sentido, anunciou que se dirixiu por carta aos portavoces dos distintos grupos para chegar a acordos na composición tanto da Mesa do Parlamento como das distintas comisións, para establecer un diálogo sen propostas pechadas.

Jorquera puxo enriba da mesa dúas posibilidades, unha na que o PP tería dous membros, o PSdeG 1, AGE 1 e o BNG 1 e outra na que o PP contaría con 3 membros, PSdeG 1 e o quinto se repartiría proporcionalmente ao longo da lexislatura entre AGE e o BNG.

Queremos establecer un diálogo sen propostas pechadas para evitar que PP e PSOE caigan na tentación de ir a unha conformación bipartidista dos órganos da Cámara, cando as urnas deixaron claro outra cousa

O voceiro parlamentar lembrou que esta proposta vén avalada pola práctica política do BNG, que cando tivo representatividade para poder excluir de facto a outras formacións nunca a exerceu e non deixou fóra de representación a ninguén.

Interrelación coa base da sociedade

Para Jorquera, é fundamental levar a voz dos cidadáns ao Parlamento e o Parlamento á rúa e iso pasa polo respecto escrupuloso ao pluralismo e tamén por un traballo de interrelación permanente do traballo parlamentar coa base da sociedade.

“A nosa oposición firme imos acompañala de propostas alternativas e claras que demostren que é falso que, tal e como sostén o PP, sexa imposíbel marcar un cambio de rumbo en Galiza e implementar outras políticas”.

Aymerich, viceportavoz

A este respecto, Carlos Aymerich, que execerá de viceportavoz do grupo, explicou que o BNG traballará tanto no inmediato, para resolver os problemas máis urxentes do cidadáns, víctimas dunha situación social e económica catastrófica, como no estructural, con reformas máis de fondo que pasan por garantir a capacidade de Galiza para decidir.

Aymerich referiuse, por exemplo, á necesidade urxente da moratoria sobre os desafiuzamentos pero tamén a que é preciso pór en marcha outra política de vivenda; asemade, falou de pór freo aos Eres e garantir a protección social para os desempregados no inmediato, mais tamén cómpre un novo marco galego de relacións laborais e apostou por traballar xa contra a privatización dos hospitais pero co horizonte posto en revisar o sistema de financiamento e en poder mudar as prioridades orzamentarias.

Reparto de áreas de traballo

O grupo parlamentar do BNG celebrou hoxe a súa primeira reunión, na que se ratificou a decisión da Executiva de nomear a Francisco Jorquera como portavoz e a Carlos Aymerich e Ana Pontón como viceportavoces.

Sobre a distribución do traballo dos distintos deputados e deputadas, Ana Pontón informou de que fica do seguinte xeito:

Cosme Pombo: Educación e Universidade e Vivenda

Tereixa Paz: Medio Rural e Administración e Xustiza

Ana Pontón: Cultura e Lingua, Ordenación do Territorio e Vivenda

Carlos Aymerich: Facenda e Sanidade

Carme Adán: Industria, Igualdade e Servizos Sociais

Montse Prado: Pesca, Emprego e Comercio

Francisco Jorquera: Democracia e distintos asuntos económicos

 

http://youtu.be/I-0kuP6jOFo

 

http://youtu.be/DWxMWwpvL98